Rocío López (Monseiro, Láncara, 1974) sempre está disposta a colaborar alí onde soliciten a súa presenza. Autora de cinco novelas policiais e unha das fundadoras da axencia de servizos editoriais Uxía, o día 31 de marzo dará o pregón da Semana Santa de Sarria na igrexa de Santa Mariña mentres segue a preparar o seu novo libro.
Que representa para vostede ser elixida para dar este pregón?
Foi unha noticia inesperada. Estou moi vencellada á Semana Santa de Sarria porque meu marido é un dos tamborileiros dende hai moito tempo e meu fillo maior estreouse o ano pasado nese cometido. Se xa era emocionante polo sentimental, agora dobremente.
Xa ten decidido de que falará?
Estou pensando, pero coñecéndome vou tentar que sexa emotivo e que estea fundamentado. Penso que vai ter moito que ver cunha historia, porque é a forma na que eu me desenvolvo e na que podo transmitir algo. Ten que chegar á xente de corazón e emocionar.
A nivel persoal, como vive as datas de Semana Santa?
Será o primeiro ano que vou ser partícipe dende dentro. Será un punto de vista para min distinto e moi novo. Para min está tamén moi vencellado coa cultura. Eu sempre digo que calquera cousa que aporte algo á xente ten que ser respectada e engrandecida.
Nos últimos anos tamén foi pregoeira da Noite Meiga de Sarria e da Feira da Tenreira de Láncara. Estase especializando neste labor...
(Ri) Son cousiñas que fan que medres, non só como escritora senón como persoa. Eu todo o uso para crecer e para aprender. Cando fas estas cousas documéntaste e iso aporta moitísimo. O que máis me ilusiona é que son tres pregóns de temáticas totalmente distintas.
Todo iso ten que ver co gusto polos retos e saír da zona de confort?
Cando a xente se acorda de ti estás obrigado, no bo sentido, a devolver parte do que che deron cando non te coñecía ninguén e empezaron a comprar os teus libros. Que se acorden de min é o máis gratificante que te podes imaxinar.
Pasaron xa case dez anos dende o seu primero libro, Nunca volverás a Pikeville. En que cambiou aquela Rocío con respecto á de agora?
Evolucionou en moitos sentidos. Abrín moito as miras, deime conta de que sabía moi pouquiño deste mundo e tamén me dei conta de que son capaz de facer cousas que non tiña nin idea de que era capaz de facer. Gañei en confianza.
Esa amplitude de miras e esa confianza aportoullas a escritura?
Si, non era tan segura de min mesma como agora á hora de escribir. Fíxenme moito máis valente nese sentido. Ademais, conectas con xente distinta a ti e tes que abrirte a cousas. Tamén aprendín que teño que ir eliminando o que supoña un peso que non aporta nada. De feito tiven que apartar algunhas persoas da miña vida cando me dei conta de que o único que facían era lastrarme ou aproveitarse do que estaba facendo. Tiven que aprender que non todo o mundo é bo.
Pensou nalgún momento que aquela nena á que lle gustaba tanto ler ía converterse en escritora?
Non, sabía que algo tiña que facer relacionado coas letras porque o que máis me gustaba era ler e xogar coa imaxinación. Pero o de escribir non foi ata que pechou a empresa na que traballaba. Naquel momento fíxeno para min.
E ao final xa van cinco libros e un sexto en camiño. Está rematado?
Ao 50% poderiamos dicir. Son nai de tres fillos en idade escolar e traballo no Camiño de Santiago. Teño moi pouquiño tempo libre, pero todo o que teño dedícollo ao libro. A medida que vas medrando nisto tes que ir aportando algo máis, poñerte o listo un pouco máis alto, facer personaxes distintos. Fixen tamén un cambio de cidade.
En que lugar vai estar ambientada a novela? Xa non é Nova York?
Vai estar ambientada en Chicago. Estou poñendo o foco na psicoloxía do asasino ou asasina. Falei con psicólogos, criminalistas, que me están dando bibliografía e consellos. Prefiro que me leve máis tempo e que a xente vexa algo distinto. A miña intención é intentar ter o libro para Nadal.
A súa faceta laboral vinculada ao Camiño, pode ser unha fonte de inspiración para as súas obras?
Non. Cando coñeces a alguén pintoresco ás veces temos a broma de que podía ser un bo personaxe. Pero o que me aporta é moitísimo a nivel persoal. Mantenme o espírito esperto porque hai persoas de todo tipo e que aportan de todo, sobre todo do bo. Tamén é un punto máis para darme a coñecer.
Para aqueles que non a coñecen, como se definiría como escritora?
Penso que son moi visceral, moi franca. Apaixoada, moi rigorosa, ou polo menos inténtoo, e sempre poño o mellor de min mesma no que escribo. Gústame poñer os meus personaxes ao límite, e penso que iso é unha das cousas que máis lle atrae á xente.