lunes. 18.10.2021 |
El tiempo
lunes. 18.10.2021
El tiempo

The Dixie Blinders pon ritmo de blues e jazz en Sarria

undefined
Os oito membros de The Dixie Blinders. EP
O grupo mestura a esencia do dixieland e das marching bands do Nova Orleans do século XX ► Os seus integrantes compaxinan o traballo na banda con outros conxuntos musicais

Coma un billete ao Nova Orleans de comezos do século XX, así é a música que nace dos sarriaos The Dixie Blinders, oito músicos que beben do jazz e do blues, entre algún outro estilo, para engaiolar ao público e ás rúas que percorren cos seus sons.

Naceron como banda en maio do pasado ano, pero como as boas cousas, The Dixie Blinders tamén se vai cocendo pouco a pouco, sen présas. Tampouco é que poidan correr, porque os oito deben compaxinar o tempo que adican a este grupo con outros proxectos e conxuntos musicais.

A pandemia foi o empuxón que precisaban para retomar a esencia dunha agrupación que funcionou fai unha década e que, tras dous anos de actividade, remataba a súa andaina. "Recupéramola xusto despois do confinamento, buscando unha alternativa que fora itinerante, coa que poideramos estar na rúa", lembran os integrantes: Adrián Real e Andrés Álvarez nas trompetas, Álex Troya e Gerardo Fernández nos saxofóns, Martín Vázquez no trombón, Iñaki López na tuba e Jesús Álvarez e José Antonio Salvador na percusión.

O concepto que eles trasladan da súa banda é "unha mestura entre o dixieland e as marching bands de Nova Orleans", un estilo musical que "bebe de Louis Armstrong e de Jelly Roll Morton, entre outros, e dos inicios do blues e do jazz", explican, ao tempo que concretan que "tocamos sobre todo clásicos dixie de marching bands como Mumbai ou The Riverside, e tamén de U2, que acabamos levando ao noso formato".

E engaden que no seu repertorio figura a música do país: "Tamén temos a muiñeira Mozos do Penedo en versión swing, que sempre fai graza e lle choca ao público".

De feito, "os clásicos do xénero, os que coñece todo o mundo" acaban sendo os de máis tirón.

The Dixie Blinders naceu como un proxecto de "disfrute persoal" para os seus membros, moitos deles integrantes tamén de charangas con nome propio, como Louband -cuxa axenda para este verán está a rebordar-, e todos con experiencia na música. E é que o xerme da súa relación está na formación Madialeva, na que "comezamos en 2006, cando tiñamos 15 ou 16 anos", recordan.

Despois de estrearse no San Xoán de Sarria de 2020, "xogando na casa", regresaron este ano ás súas patronais, ademais de alimentar as rúas de Lugo co seu particular jazz, adaptándose a todo segundo a situación o requira.

The Dixie Blinders pon ritmo de blues e jazz en Sarria
Comentarios