Restaurantes da comarca celebrarán en febreiro as xornadas do porco celta

Concello de Sarria e hostaleiros acordan ofrecer cocido, tapas e racións nas datas do Entroido
Alcaldes da comarca de Sarria, durante a degustación dun cocido de porco celta o pasado ano. AEP
photo_camera Alcaldes da comarca de Sarria, durante a degustación dun cocido de porco celta o pasado ano. AEP

O porco celta volverá ser o rei da gastronomía na comarca o vindeiro mes de febreiro. Coincidindo coas datas de Entroido, o Concello de Sarria e os hostaleiros acordaron organizar de novo as xornadas dedicadas aos produtos desta raza autóctona, que seguirán o formato do pasado ano. Así, en lugar da multitudinaria festa de edicións precedentes, haberá degustación de cocido de porco celta, tapas e racións nos restaurantes que queiran participar.

En principio, serán catro días de celebración, entre o 18 e o 21 de febreiro (este último, festivo en moitos concellos), se ben as datas definitivas quedarán pechadas en vindeiras reunións. Dende o Concello de Sarria animan aos hostaleiros dos distintos municipios da comarca a inscribirse nas xornadas, especificando se servirán cocido, tapas ou racións para elaborar os carteis promocionais.

O evento gastronómico adicado ao porco celta chega este ano á súa décima quinta edición. Con este motivo, a concelleira de Festas de Sarria, Geni Valcárcel, mantivo unha xuntanza na tarde do luns con representantes do sector, na cal acordaron continuar coas xornadas nos propios establecementos –implantadas a raíz da pandemia– en lugar de optar por un cocido multitudinario como se viña facendo antes do covid e que na súa última cita, en febreiro do 2020, xuntou máis de 700 persoas nun xantar no campo da feira.

O motivo do cambio débese a diferentes "circunstancias persoais e profesionais" dos hostaleiros que viñan asumindo a preparación destes manxares e que fan necesaria unha renovación no equipo organizativo. Á espera de que se produza ese relevo, os asistentes á reunión decidiron que este ano non haberá un evento de masas senón degustacións nos locais.

"Esta é unha festa gastronómica importante para Sarria e temos que loitar entre todos para que siga aí. Este ano queremos mantela coas xornadas nos restaurantes e para o vindeiro intentaremos recuperala con máis xente na organización", sinalou a concelleira.

Valcárcel lembrou que no 2022 foron unha decena os establecementos hostaleiros de Sarria e Samos que serviron cocido de porco celta, racións e tapas durante catro días, cunha boa acollida entre o público. "Nesta edición agardamos non só manter, senón aumentar o número", afirmou.

O Concello volverá contactar nos vindeiros días cos negocios que xa amosaron a súa predisposición a participar. Aqueles que estean interesados e que aínda non o comunicasen poden poñerse en contacto coa administración.

O goberno local traballa tamén na organización dun evento promocional do porco celta en Madrid para "potenciar o nome da festa para futuras edicións".

O pasado ano, tamén a xeito de promoción, ofreceuse en Sarria unha degustación de produtos da raza porcina galega durante a última etapa da volta ciclista O Gran Camiño, que tivo lugar na vila.

Comentarios