lunes. 18.10.2021 |
El tiempo
lunes. 18.10.2021
El tiempo

O reporteiro da verbena

Jesús Somoza Fernández compaxina o traballo de mestre coa afección ás verbenas. EP
Jesús Somoza Fernández compaxina o traballo de mestre coa afección ás verbenas.
O sarriao Jesús Somoza ten a docencia como vocación e a verbena por devoción. Cámara en man, percorre as festas galegas retratando as orquestras, convertido por pura "satisfacción" no reporteiro dunha verbena "que é referencia en España"

NO ANO 2019, cando o covid aínda non fixera acto de presenza, Jesús Somoza Fernández, natural de Farbán (Sarria), asistiu, segundo os seus cálculos, a máis de 130 festas nas catro provincias galegas. Este mestre de Primaria, de 26 anos de idade e premio extraordinario de carreira, acode como espectador, fascinado "pola esencia da verbena", pero sempre coa súa cámara de fotos, outra das súas grandes afeccións. Por amor á arte e de xeito "altruísta" recolle actuacións de orquestras, cantantes e grupos de música que difunde despois a través das redes sociais para dar a coñecer esta parte "da cultura galega". O seu perfil de Facebook, JSFFotografía, acumula máis de 2.700 seguidores.

O gusto pola verbena acompaña dende sempre a Jesús Somoza. De pequeno ía coa familia ás típicas festas dos pobos e, conforme foi crecendo, mantivo esta tradición. "Ao meu grupo de amigos e amigas sempre nos gustou case máis o feito de ir a unha verbena que saír de pubs", explica o sarriao, para quen estes eventos teñen un valor engadido. "Eu entendo unha verbena con orquestras, tríos, dúos... como un acto social, no que se dan moitas interrelacións persoais e se cultiva e se valora a cultura galega na súa esencia", resume.

En moitas ocasións pode ser tamén unha sorte de "terapia" para o público. "Ves unha actuación e a túa mente evádese. Para min foi un elemento de desconexión e de gusto cando estaba preparando as oposicións", conta este mozo, quen impartiu clase en Vigo e agora exerce nun colexio da Coruña.

Se a esta afección pola verbena se lle suma o interese pola fotografía o resultado é a súa conversión en reporteiro gráfico destes eventos. "Dende hai catro ou cinco anos ando de festa en festa coa cámara, sempre sen ánimo de lucro. Nunca cobrei nada por realizar esta actividade. Sempre fun defensor de que a cultura, en todos os sentidos, nos enriquece. Para min é clave na vida", afirma este mozo, quen difunde esta faceta súa tanto en Facebook como en Instagram e nunha canle de Youtube reactivada tras a corentena.

"O que máis me desgasta é o proceso de edición desas fotos para poñer nas redes. Paso traballo, pero síntome satisfeito vendo a repercusión que ten e que lle gusta á xente", comenta.

Jesús Somoza e a súa cámara. ADRIÁN CALOAcudir coa cámara de fotos non lle impide a Jesús Somoza gozar "das festas na súa esencia, conversar cos amigos durante as actuacións e mesmo botar algunha peza. "O curso básico de baile téñoo superado", di entre risas.

A este sarriao non hai dato relacionado co mundo da verbena que se lle escape. Tanto é así que durante anos foi unha das personas que xestionou a páxina web Orquestas y Fiestas. "Igual que un diario deportivo cando anuncia unha fichaxe de fútbol, nós faciámolo coas orquestras. Cantas máis exclusivas, máis visualizacións e máis satisfeitos quedabamos, tamén sen ánimo de lucro, por amor á arte", aclara.

AMIZADES. "Coñezo ás persoas da verbena e elas coñécenme a min. Orquestras, cantantes, músicos, técnicos de montaxe e de sonido, valoro todo no seu conxunto. Teño boas amizades grazas á fotografía e ir ás festas", asegura Somoza, a quen esta afección tamén lle permitiu coñecer moitos lugares da xeografía galega e ser xa todo un especialista na toponimia local.

Con esta carta de presentación non é raro que lle pida opinión algunha comisión de festas ou as propias orquestras cando andan na busca de novos membros ou na renovación de repertorio, feito que a este mozo "reconforta".

Non obstante, sostén que nunca pensou en dar o salto e adicarse a isto profesionalmente. "A miña primeira vocación son os nenos, a docencia. A verbena é unha devoción. O meu obxectivo é que me guste e que lle guste á xente. Non o fago por interese personal nin mercantilista", asegura.

Do mesmo xeito, tampouco pensou nunca en formar parte dunha orquestra e iso malia que ten "dez anos de conservatorio profesional, de clarinete e piano complementario". "Sempre digo que sería cantante se non fora pola voz", bromea.

AXUDAS. Cando si se pon serio é a hora de reclamar apoio para este colectivo, que sempre está "ao borde da innovación" e que fai da verbena galega un referente "a nivel de España". "As administracións en xeral deberían prestarlles un pouco máis de atención a todos estes profesionais. As verbenas repercuten na economía local, é un efecto dominó, repercuten nos salóns de peiteado, as tendas de roupa, os supermercados...", reflexiona Somoza, quen reivindica que a cultura "é segura".

"Conforme isto se foi abrindo, merecían moito máis, porque reciben ben pouco para o moito que valen. Non coñezo unha soa verbena onde houbera contaxios. Con organización e control é posible", engade o sarriao, para quen "a cultura é unha forma de benestar psicolóxico e as orquestras, por conseguinte, tamén o son".

O público lugués é diferente ao de Pontevedra
A experiencia de Jesús Somoza na verbena permítelle facer unha especie de estudo sociolóxico entre o público das catro provincias galegas. O de Lugo, por exemplo, é "oposto" ao de Pontevedra. Mentres este último é máis "bailador", o lugués resulta "observador". "Sempre se dá conta das cousas que pasan nas orquestras" pero amósase máis tímido no baile.

Interior da Coruña
No interior da Coruña "hai un público máis cañero" e en Ourense, dependendo da zona, comparten características cos de Lugo, conclúe.

O reporteiro da verbena
Comentarios