martes. 26.01.2021 |
El tiempo
martes. 26.01.2021
El tiempo

A Quenlla recibe un premio polas cantigas do trobador samanense

A Quenlla presentou en Sarria o pasado ano 'Trobador no Camiño'. EP
A Quenlla presentou en Sarria o pasado ano 'Trobador no Camiño'. EP
Apecsa recoñece o grupo por poñerlle música á obra de Martín de Padrozelos

O traballo realizado polo grupo A Quenlla para poñerlle música ás cantigas do trobador samanense Martín de Padrozelos acaba de valerlle o recoñecemento co oitavo Premio Internacional Apecsa 2020, que concede a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago.

O colectivo, constituído no 1992 e presidido polo xornalista Xosé María García Palmeiro, creou este premio para distinguir o mellor traballo de difusión e promoción vinculado ao mundo xacobeo.

Nesta edición, adicada ás vítimas do covid-19, o xurado acordou por unanimidade outorgar o galardón a A Quenlla por musicalizar as dez cantigas (nove de amigo e unha de amor) de Martín de Padrozelos, considerado a primera voz lírica galega do medievo.

O seu disco Trobador no Camiño, presentado o pasado ano durante unha  xornada celebrada en Sarria, "non é unha gravación máis, é a interpretación a día de hoxe de textos que case teñen mil anos e que abondan na nosa autoestima", destacou o xurado, encabezado polo xornalista Luís Celeiro e do que tamén formaron parte Purificación Carballo de Apecsa, Xavier Goyanes da Asociación Pazos de Galicia, Carme Prado da Asociación de Periodistas de Santiago e Xosé Luís Muñoz Portabales do Colexio de Xornalistas de Galicia.

Segundo os profesores Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña, este trobador era natural de Praducelo de Lóuzara —onde se conserva unha casa co seu nome— e as súas cantigas, recollidas no cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa, son as primeras coñecidas en galego.

O grupo A Quenlla, formado por Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), Paloma Suanzes, Tania Capón, Yaiza Seijo, Manuel Dopico, Valery Zviarzhevich e Álvaro Cardalda, recibirá como galardón unha distinción por parte de Apecsa e a escultura titulada Harmonía, do lucense Luís Loureira.

A Quenlla recibe un premio polas cantigas do trobador samanense
Comentarios