Os punkis de aldea volven a Sarria por «mil pesetas»

A asociación Buril celebra o sábado un novo encontro musical arredor deste movemento con 13 actuacións

O Sudor do Tractorista será un dos grupos que actuará de novo no Buril. AEP
photo_camera O Sudor do Tractorista será un dos grupos que actuará de novo no Buril. AEP

SARRIA. O vindeiro sábado, 8 de decembro, está sinalado no calendario musical coma o día dos punkis de aldea. Os seguidores deste movemento teñen unha cita en Sarria nun festival organizado pola asociación cultural, deportiva e ecolóxica Buril, que ofrecerá 13 actuacións a un prezo único de «mil pesetas» a entrada.­

«É unha xuntanza de punkis, para o compadreo», explica Roi Rodríguez, un dos fundadores de Buril, colectivo de recente creación que promove un amplo abano de actividades, dende concertos ata exposicións, cursos ou un torneo de fútbol gaélico.

A xuntanza Punkis de Aldea tivo unha primeira edición no 2016 na cidade olívica e o pasado ano recalou en Sarria, que ten o seu propio Vigo na entrada á localidade polo Camiño Francés. Esta terceira edición volve de novo á vila, no local de Buril, na rebautizada como Rúa da Música, onde arrancará á unha da tarde para ofrecer doce horas de música ininterrumpida.

Escapando «do lucerío que montou (Abel) Caballero», tocarán en Sarria os vigueses Bakarrá, Os Rosmóns, Rabuda, Indar Galega e Contenedor de Mierda.

Xunto a eles estarán no escenario Menestra de Defensa –chegados dende Guadalajara–, Lenincat de Santiago Compostela, Innoppiah de Pontevedra, Bastardos de Rivera de Vimianzo, os sarriaos O sudor do tractorista, Leo Arremecaghona –«padriño do evento»– e as bandas asturianas Sin Emu e Sartenazo Cerebral, a cal está «pegando forte» naquela comunidade autónoma.

«Contamos que veña moita xente porque é un cartel atractivo, con bandas con tirón, e porque non hai moitos eventos con esta temática», sinala Roi Rodríguez.

As mil pesetas que custa a entrada -en lembranza do prezo de moitos concertos nos anos 90- apenas chegarán para financiar o desprazamento dos grupos, porque este é un festival sen subvencións. «É unha iniciativa que parte do pobo e para o pobo», asegura Rodríguez, quen lanza un chamamento ás distintas administracións públicas «por se queren colaborar agora que pronto veñen as eleccións».

A entrada (tamén se aceptan seis euros) pódese obter de xeito anticipado no bar Cubano de Sarria e, aqueles que queiran pernoctar na vila, teñan a opción de comprala conxuntamente cunha noite de albergue por un prezo de 15 euros grazas ao patrocinio dun establecemento da vila.

PONTE RIBEIRA. O festival Punkis de Aldea promociónase cun cartel coa imaxe de Ponte Ribeira -que leva máis de catro anos cortada ao tránsito rodado e peonil- e co lema "Tendendo pontes". Un xeito de denuncia do prolongado peche deste viaduto? «Cada un que o tome como queira», din os organizadores, que prometen «doce horas do mellor punk do Estado, coa mellor comida e no mellor ambiente». E é que, segundo explican, haberá tamén un posto de polbo «para calmar a fame», nunha zona de libre acceso para todo o público.

Comentarios