A proeza da vaca Pomba

Os catro becerros que pariu en Paradela unha rubia galega saen adiante con expectación na parroquia ► A neta do gandeiro xa os bautizou e o dono asegura que esta res quedará na casa
Amadeo Pallares e a súa neta Carmela, cos catro becerros que trouxo Pomba. VILA
photo_camera Amadeo Pallares e a súa neta Carmela, cos catro becerros que trouxo Pomba. VILA

Cinco días despois de que Pomba trouxera ao mundo catro becerros, na Casa de Abella de Andreade (Paradela) seguen abraiados coa proeza desta rubia galega.

Pero non só eles. Tamén o veterinario e moitos veciños da parroquia que se achegaron ata a explotación de Amadeo Pallares González para coñecer os pormenores de tan "excepcional" parto.

Entre as persoas máis entusiasmadas coa "sorpresa" que gardaba Pomba está a neta do gandeiro, Carmela Pallares Belón, que con seis anos xa ten claro que de maior será "veterinaria, cantante, bailarina, peluquera y cocinera".

Amante dos animais, Carmela relata con moita soltura o que aconteceu na explotación de seu avó o pasado venres. "El caso es que la vaca estaba embarazada. Mi abuelo decía que tenía dos y resulta que tenía otros dos más", explica a nena, que dende o primeiro momento se apuntou para axudar no coidado dos catro becerros dándolles biberón.

"É case, case, como ó que lle toca a lotaría, porque xogas toda a vida e non se dan casos deses"

A ela se deben os nomes cos que foron bautizados os xatos, "dos chicas y dos chicos". "Uno se llama Luna, otro Ricitos de Oro, otro Brais y otro Amador", este último en recordo da anécdota que supuxo para a familia que na primeira noticia sobre este parto cuádruplo seu avó aparecese identificado por erro como Amador.

Segundo conta o gandeiro, Pomba é unha vaca de raza rubia galega de sete anos de idade que foi criada na propia explotación e que nunca trouxera máis dunha cría por parto. Amadeo Pallares xa sospeitaba que nesta ocasión, tamén con inseminación artificial, ía ser distinto, pero nunca imaxinou que a res protagonizaría tal fazaña. "Eu xa vía que tiña moita barriga, estaba case seguro de que traia dous pero catro parecíame unha cousa imposible. Non o contaba nin soñando", confesa.

De feito, tras sacar tres becerreos coa axuda do veterinario do Páramo Javier López e duns veciños, miraron se había un cuarto "case de broma" porque, realmente, ninguén o esperaba. "É case, case, como ó que lle toca a lotaría, porque xogas toda a vida e non se dan casos deses", exemplifica.

Este experto gandeiro, natural de Vilamaior e con 35 anos de experiencia, amósase moi satisfeito co desenvolvemento do parto porque "saíu todo moi ben e non tiveron problema ningún nin a vaca nin os becerros". Iso si, nestes días precisan coidados especiais para sacalos adiante. Houbo que dar biberón a todos, aínda que agora só queda con estas tomas o máis pequeno mentres que os outros tres "xa maman na vaca".

O que si ten decidido este veciño de Andreade é que a Pomba non se vende

O futuro dos buchiños está por definir. Tras moitos anos traballando, Amadeo quedou con 15 vacas e calcula que non tardará moito en deixar a explotación polo que descarta crialos, se ben un sobriño seu está interesado en dous deles para a súa gandaría. O que si ten decidido este veciño de Andreade é que a Pomba non se vende. E iso que xa houbo algunha proposta. Pero, unha vaca tan dócil e con tal mérito, "non marcha da casa mentres poidamos", afirma.

Comentarios