Unha praza para o poeta de Lóuzara

Un novo espazo a carón do mosteiro de Samos homenaxea a Fiz Vergara Vilariño e a súa familia, dándolle "o seu sitio" na capitalidade do concello, onde tamén foi inaugurado o museo etnográfico de Pío Préstamo
G
photo_camera Chus López e José Fernández descobren a placa co nome da praza. VILA

Facía frío este xoves en Samos, pero a calor da emoción sentíase entre os presentes. Xusto no mesmo día no que Fiz Vergara Vilariño, o poeta de Lóuzara, cumpriría 72 anos, o seu municipio rendeulle unha sentida homenaxe dedicándolle a nova praza pública.

"Hoxe dámoslle o seu sitio na capitalidade do concello, e non calquera sitio, un espazo ben fermoso, á beira do Camiño de Santiago, ao pé da nosa muralla, coa mellor vista do mosteiro e co son da auga discorrendo polo río", dixo a alcaldesa, Chus López, para quen esta era a "praza perfecta" para homenaxear de xeito permanente ao poeta e a súa familia poñéndolle por nome Vergara Vilariño.

E é que este espazo non só está dedicado á memoria do autor de Nos eidos da bremanza ou Orfo de ti en terra adentro falecido no 1997, senón tamén ás súas irmás, Irene e Imelda, e a toda unha saga que perpetúa o seu legado e que fixo da casa de Santalla de Lóuzara "un lugar de acollida" e un centro "no que se reunían poetas".

Así o lembrou María Casar, a presidenta da agrupación Ergueitas, promotora do roteiro literario de Fiz e do premio de poesía que leva o nome deste autor, para o cal "soñamos un Día das Letras Galegas", dixo. Ese mesmo sentir foi expresado por José Pedreira do colectivo Sarricanta e polo presidente da Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, José Fernández, condutor deste acto.

G
Vista da nova praza, co mosteiro ao fondo. VILA

Interviu tamén Luís Celeiro, Valedor do Camiño, para quen esta praza "afincará na memoria de todos os samanenses o aprecio e a querenza aos Vergara Vilariño, que naceron aquí, na Casa de Vilarín de Santalla de Lóuzara, e que os presentes sabemos que foron e son de lei, son dos nosos», subliñou.

Nunha mañá de emocións, non podía faltar a escritora do Incio Marica Campo, quen recitou uns sonetos dedicados a Fiz e destacou "o amor ao país e á palabra" que profesa toda a familia.

En nome dos Vergara Vilariño falou María Celeiro, agradecendo todas as mostras de afecto. "Fiz nunca puido imaxinar que case 27 anos despois da súa morte ía ser recordado con tantísimo aprecio e cariño", expresou a sobriña do poeta, convencida de que seu tío "estaría inmensamente feliz" vendo que a súa obra non só segue a lerse senón que mesmo é obxecto de estudos e publicacións.

María Celeiro tivo tamén un recoñemento para todos "os loitadores" que traballan pola cultura, a lingua e por manter vivo o rural, e trasladou o compromiso da súa familia de "colaborar en todo o posible" para continuar nesta senda.

G
Membros da familia Vergara Vilariño, xunto ao poema de Fiz. VILA

O acto rematou descubrindo a placa co nome da praza a cargo da alcaldesa e o presidente da asociación de comerciantes, quen tamén acompañou a Imelda Vergara no momento de destapar uns versos que o poeta lle dedicara a Samos no ano 1994 con motivo da segunda Feira de Artesanía deste municipio e que xa ficarán impresos para sempre nesta praza.

Ao seu carón foi inaugurado tamén o novo museo etnográfico do veciño Pío Préstamo, de 83 anos, quen fixo demostracións de serra portuguesa ou pisa da castaña. O creador do museo, formado por centos de pezas relacionadas co campo, os oficios tradicionais e as casas galegas, recibiu neste día multitude de visitas e parabéns polo seu traballo de medio século recompilando o pasado para deixar constancia para o futuro.

G
Pío Préstamo (esquerda) e un visitante, no museo etnográfico. VILA