A poeta de Escairón Alicia Fernández obtén o premio Fiz Vergara Vilariño

O xurado elixiu por unanimidade a súa obra 'Mamá Pelicano', da que destacou a unidade temática e o tratamento da familia e da maternidade dende un punto de vista "descarnado"
La poeta Alicia Fernández gana el premio Fiz Vergara Vilariño. VILA
photo_camera Os membros do xurado, no momento de abrir a plica gañadora. VILA

A poeta de Escairón (O Saviñao) Alicia Fernández alzouse este sábado co décimo noveno premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado pola agrupación cultural Ergueitas e o Concello de Sarria.

A súa obra ‘Mamá Pelicano’, presentada baixo o lema ‘A escena ábrese ante un público inexperto’, resultou elixida por unanimidade por un xurado formado polos autores Lara Dopazo, Xosé María Álvarez Cáccamo e Miriam Ferradáns, actuando como presidenta a concelleira de cultura, Reyes Abella, e como secretaria a presidenta de Ergueitas, María Casar.

Segundo explicaron, trátase dunha obra que destaca pola súa unidade temática "cunha concatenación de imaxes sorprendentes e impactantes" e cunha perspectiva feminista "transversal".

O xurado subliñou tamén o tratamento da familia e da maternidade dende un punto de vista "descarnado", así como o "rico mundo de significación simbólica" que agroma neste poemario.

O fallo deuse a coñecer este sábado no transcurso dun acto celebrado no salón de plenos de Sarria, coa participación da concelleira Geni Valcárcel en representación do Concello. Una vez aberta a plica, María Casar foi a encargada de comunicarlle o resultado á gañadora, que falou por teléfono con todos os membros do xurado. Nunha primeira impresión, amosouse "moi alegre" pola consecución deste premio porque, segundo comentou, "había moitos anos que non escribía". Residente na actualidade en Sant Climent de Llobregat, na provincia de Barce-ona, Alicia Fernández, nada no ano 1987, explicou que comezou a escribir ‘Mamá Pelicano’ cando se trasladou a vivir a Cataluña e que lle adicou un ano e medio.

Un galardón con prestixio e medio cento de obras
O premio Fiz Vergara Vilariño, que honra a memoria do poeta samanense do mesmo nome, está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra gañadora coa editorial Espiral Maior. Trátase dun certame de prestixio no ámbito da poesía en Galicia ao que concorreron nesta edición medio cento de traballos de variada procedencia, algúns deles dende outros países, xa que as bases son enviadas a centros galegos.
Alicia Fernández, que no 2005 publicou ‘Botar o mar polos ollos’, comezou a escribir a moi curta idade e colleitou premios como o Fernández del Riego, Francisco Añón, Díaz Jácome, Ánxel Casal ou Minerva. A autora luguesa recolle o testigo como gañadora do Fiz vergara de Emma Pedreira, que venceu o pasado ano con ‘As voces ágrafas’.
 

Comentarios