Poesía que nace entre costuras

A deseñadora de Paradela Estefanía Pérez, que dende 2018 ten a súa propia marca de moda, vén de publicar o seu segundo libro de prosa poética e pensa xa nun terceiro, que será en galego
undefined
photo_camera Estefanía Pérez, cun dos seus deseños. EP

A deseñadora de Paradela Estefanía Pérez Rodríguez compaxina dende moi nova a paixón pola alta costura co gusto por escribir. Con só 14 anos iniciouse no mundo das pasarelas, con 17 gañou o certame Top Model Galicia, con 24 creou a súa propia marca de moda, con 25 levou os seus deseños á Fashion Week de París e agora, con 28, consolídase tamén como poeta coa publicación do seu segundo libro, que leva por título El lenguaje de las hadas.

O universo creativo de Estefanía Pérez está moi ligado a estes seres. Tanto é así que non só dan nome á súa tenda online de roupa de festa (Fashion Fairies) senón que tamén teñen o seu espazo nesta nova obra de prosa poética, froito de dous anos de traballo.

"As fadas transmítenme esa maxia na que nunca debemos deixar de crer, son uns seres aos que sempre fago alusión dalgunha maneira", explica a autora, que neste libro amosa a madurez e a evolución da súa voz poética.

Estefanía Pérez, cun dos seus deseños.

O contido romántico e sentimental —predominante no seu primeiro poemario, Tsunamis en calma, editado en 2020 por Valparaíso— tamén ten cabida en El lenguaje de las hadas, pero nesta nova publicación o abano ábrese moito máis para darlle protagonismo a outros temas como a natureza ou a Galicia.

O libro pode adquirirse dende o pasado día 17 na páxina web de Postdata Ediciones, coa que Estefanía Pérez está feliz de traballar. "Ten moitos autores que prometen e somos como unha familia", comenta a escritora, quen di estar moi satisfeita coa ilustración da portada porque reflicte á perfección o que quería transmitir. Nestes momentos a obra está en fase de prevenda e do resultado desta dependerá o número de exemplares que finalmente se editen.

Mentres, a deseñadora de Paradela pensa xa nun terceiro libro. Non é un proxecto inmediato, pero ten claro como quere que sexa chegado o momento­: en galego e cunha editorial da terra.

"Como galega amo a miña lingua materna e non quero que se perda. Pretendo así aportar o meu gran de area", asegura Estefanía Pérez, quen pon como exemplo a música das Tanxugueiras. "Fixeron elas máis pola lingua que calquera partido político", di.

FORMACIÓN. Sempre cos pés na terra e moi enraizada no concello de Paradela —onde ten o seu taller de moda e recibe as clientas que soliciten unha cita—, a deseñadora e poeta tampouco descoida outros estudos. Vén de rematar un curso superior de márketing e continúa formándose nesta materia cun máster. "A moda non quero deixala de lado pero gustaríame compaxinala con temas de publicidade e márketing", tanto con traballos para outras persoas como potenciando a súa propia marca de moda e relanzando a súa estratexia comercial, expón.

Os seus deseños de roupa de festa, tanto para mulleres como nenas e con confección artesanal, comercialízanse por medio da súa páxina web e, a maiores, acepta encargos personalizados para distintos eventos.

A súa colección Renacer, formada por seis vestigos longos, puido verse en setembro do 2019 nun desfile no hotel Le Grand Intercontinental dentro da Semana da Moda de París, nunha experiencia "única" que lle serviu para "crecer profesionalmente" e acadar repercusión en revistas e medios especializados.

Apartada das pasarelas dende hai xa bastantes anos, Estefanía Pérez segue a recibir ofertas para participar en concursos de beleza como Miss Mundo España ou Miss Europa Continental. A moza de Paradela móstrase agradecida por estas oportunidades e polo interese na súa persoa, pero opina que todo ten o seu momento. "Agora estou noutra etapa", afirma.

Comentarios