A Pobra recupera o tren da man de Diego As

O tren formou parte indisoluble da historia da localidade ata a súa desaparición no 2018. Seis anos despois, a capitalidade lancará rende homenaxe ao seu pasado ferroviario cun espectacular mural que firma o artista lucense
G
photo_camera Vista do mural dende a nova rotonda de acceso á Pobra de San Xiao. VILA

Durante máis dun século, os veciños da Pobra de San Xiao (Láncara) conviviron co paso do ferrocarril polo centro da localidade. Esa estreita relación, que mesmo deixou pegada na propia fisionomía da capitalidade municipal, rompeuse en abril do 2018 coa entrada en servizo da variante da Pobra, momento no que os trens deixaron de circular pola vila.

A localidade lembra agora ese pasado de locomotoras e vagóns a través dun gran mural do recoñecido artista lucense Diego As, que firma aquí un dos seus traballos chamados a pasar á historia.

A obra, duns 225 metros cadrados de superficie, está practicamente rematada a falta só duns detalles que o autor completará esta mesma semana. Ocupa toda a fachada lateral dun edificio da Rúa Antonio López Quiroga e está pensada para ser admirada dende a nova rotonda que dá acceso a A Pobra dende a estrada LU-546.

Trátase dun dos murais de maior superficie realizados por Diego As, cunhas dimensións que non quedan atrás con respecto ao seu premiado Julio César da Ronda da Muralla de Lugo. Pero non só destaca polo seu tamaño, senón tamén pola "complexidade" da execución, unha dificultade que radica sobre todo no gran nivel de detalle que conleva.

Diego Anido quixo deixar constancia "do tren que pasou pola Pobra" a través dun mural que representa o último ferrocarril e o derradeiro día de traballo do xefe de estación, un home maior cuxa mirada transmite nostalxia e que aparece recreado coa corneta e a gorra típica do seu cargo.

"É un personaxe imaxinario. Inspireime na tristeza de que marchara o tren dun sitio tan representativo e, por iso, ten esa cara de circunstancias, así como medio triste e pensativo. O obxectivo era que transmitira algo coa mirada, sinala o artista, cuxa composición está chea de simbolismo. "É como o último día. O xefe de estación colle o último tren que vai pasar pola Pobra e marcha con el", di.

Para este traballo, froito dun encargo realizado polo Concello de Láncara, Diego As deixa a escala de grises na que soe pintar e decántase por un debuxo con moitas tonalidades, ao que tratou de darlle un aspecto "envellecido". Pretendía, explica, ofrecer unha imaxe antiga, pero con cor.

G
Diego As, diante da súa obra, na que só faltan uns retoques. VILA

O deseño complétase con outro tren que pasa de lado con pasaxeiros dentro e cunha imaxe da Pobra que se ve a través das ventás e que responde a unha foto antiga, polo que será perfectamente recoñecible para os veciños. Para iso, recuperou o reloxo que xa non existía nos últimos tempos e utilizou o mesmo tipo de letra que había nos carteis da época.

Diego As comezou a pintar este mural no mes de decembro, o que supuxo dificultades pola climatoloxía e que obrigou a telo parado durante un mes por causa do frío e da chuvia. En total, dedicou algo máis de dúas semanas de traballo intensivo a realizar esta obra, que rematará en só uns días e coa que se amosa satisfeito.

"Estou contento de que quixeran contar comigo para representar o tren que pasou pola Pobra", afirma o artista. E igual de satisfeitos, ou máis, se amosan no Concello. "Estamos encantados co resultado. É un éxito. Incluso vén xente de fóra polo mural", asegura o alcalde, Darío Piñeiro, que xa viu a algún veciño "emocionado".

Comentarios