miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

A pivote Pontón volve á cancha

Pontón amosa a camiseta que o CB Sarria lle entregou para a súa filla. VILA
Pontón amosa a camiseta que o CB Sarria lle entregou para a súa filla. VILA
No seu primeiro acto tras ser reelixida como líder do BNG, a sarriá Ana Pontón volveu á súa vila natal, onde visitou unha explotación gandeira e mantivo un encontro co CB Sarria

Nas paredes do pavillón novo da Rúa Castelao de Sarria, onde colgan os retratos dos distintos equipos do club de baloncesto da vila, un observador hábil poderá distinguir a imaxe dunha novísima Ana Pontón, lucindo o número 11 na camiseta. Eran os tempos do instituto, recén estreados os anos 90, nos que a líder do BNG xogaba como pívot, unha época á que onte viaxou invitada polo CB Sarria para coñecer a realidade actual deste club, fundado no ano 1987 e con 249 nenos e nenas.

"Emocioneime moito porque recordei cando viñamos adestrar e compartir, a ilusión de cando gañabas un partido e a decepción de cando non o conseguías, pero sobre todo volvín á miña adolescencia, a moitos recordos e a ver caras amigas", explicou Pontón.

Resumía así un ameno encontro no que recibiu como agasallo unha camiseta do club para a súa filla, Icía, co dorsal 2020 polo ano de nacemento, e un carné de socia para ela, co número 314.

Da man do presidente do CB Sarria, Xabier López-Acevedo, e da directora deportiva, Maísa López, Ana Pontón acercouse ao traballo dun colectivo moi centrado hoxe por hoxe no deporte base, con xogadores de toda a comarca dende os 5 anos ata a categoría sénior.

Durante o encontro -no que tamén participou o deputado provincial de deportes, Efrén Castro-, a voceira nacionalista conversou coa directiva, presenciou un entrenamento das categorías inferiores e mesmo se animou a probar sorte dende a liña de tiro libre xunto a varias xogadoras.

Ana Pontón quixo valorar "todo o traballo que fan os clubs de base e máis nunha vila como Sarria, na que hai moita tradición". Tamén se felicitou por ver que avanza o deporte feminino. "Penso que segue estando discriminado en xeral na sociedade, pero hai que recoñecer que clubs como o CB Sarria levan apostando moito pola canteira e por manter un equipo feminino", afirmou, dando por zanxada unha polémica dos últimos días.

"Para min o CB Sarria sempre estará no corazón. É un luxo recibir na túa vila o cariño que acabo de recibir aquí e que saben que é compartido", engadiu.

Tras lembrar como "moi positiva" a súa experiencia como xogadora de baloncesto, Pontón destacou tamén a importancia do deporte en xeral para o "desenvolvemento persoal" e como un "valor que temos que cultivar".

A súa visita a Sarria, con parada para ver á familia, foi o primeira saída tras ser reelixida o domingo como líder da formación nacionalista co 99% dos votos. "Debe ser desas casualidades que dá o destino que o primeiro acto que teñamos despois da asemblea sexa en Sarria", comentou entre risas.

Ademais do encontro co CB Sarria, estivo na explotación gandeira da Casa Martiño de Manán, que leva David Neira e a súa familia, e onde Pontón reclamou uns prezos xustos para o leite.

Alí reivindicou tamén as súas raíces rurais. "Sempre dixen que é moi importante saber de onde ves para ter claro cara onde queres ir. Estou moi orgullosa de ser tamén unha rapaza que medrou nunha explotación gandeira, naquel caso de carne, polo que sei todo o cariño e entusiasmo que hai detrás e tamén sei que temos que traballar moito para que as condicións sexan cada vez mellores", dixo.

"Estar hoxe aquí simboliza ese apoio a un sector que o está pasando moi mal e facelo no concello no que nacín ten para min un simbolismo especial", concluíu.

A pivote Pontón volve á cancha
Comentarios