Pioneiros do baile galego en Sarria

A principios dos 70 un grupo de sarriaos, que por aquel entón eran adolescentes, constituíron na vila a primeira formación de danza e música tradicional galegas no seo da asociación Meigas e Trasgos
undefined
photo_camera Actuación en Viveiro de Garulaxe. EP

O programa do San Xoán de Sarria do ano 1971 deixaba constancia do nacemento dunha nova agrupación na vila. Baixo o nome de Garulaxe, xurdía "unha xuntanza de sarriáns que loitarán, con bandeira ó frente, pola vitoria do noso folklor". "Terá como finalidá o cantar e beilar as nosas cancioes e as nosas danzas, acompañadas das nosas músecas. Coros de voces da terra, bailes diste país, música da que pida a ialma galiciana", tal e como recollía un texto da autoría de Antonio Peña Guitián, publicado no libro das festas e recompilado por Xaime Félix López Arias.

Aquela Garulaxe comezaba a súa andaina no seo da asociación cultural Meigas e Trasgos, cuxa fundadora, Carmela González Ruiz, foi tamén a impulsora deste primeiro grupo de música e baile tradicionais, ademais de artífice da súa denominación, que vén a significar "xente nova e alegre".

Tal e como recorda Emma Díaz de Freijo Saavedra, unha das primeiras integrantes de Garulaxe, por aqueles tempos ela e varias amigas asistían a clase con Conchita Moreno, que lles ensinaba danza galega no portal da súa casa da Rúa Marqués de Ugena.

Bautizados como Garulaxe, a agrupación percorreu a provincia coas súas actuacións nunha época que lembran con grande afecto

Carmela González contactou con estas rapazas para fundar o grupo pioneiro de Meigas e Trasgos, cunha ducia de mozos e mozas duns 15 anos de idade, todos eles amigos entre si, para os cales o baile era un aliciente máis das súas reunións de xuventude.

Pedro López Quiroga, Benjamín Escontrela Díaz, Ricardo Celeiro, Alfonso López, Jesús Sanz, David Ares Portela, Lidia Quiroga González, Carmela López Vizcaíno, Ana Rodríguez Campo (quen foi portada da guía telefónica da provincia de Lugo no ano 1972), Pitusa Juan Ibáñez e as irmás Loreto e Emma Díaz de Freijo formaron, xunto con Manuel López Pérez, aquel grupo inicial, que sacaba os puntos de baile ao ritmo que marcaban músicos como Santiago e Manuel Moxenas, Justo Castro, Barreiros ou Pepín Bernardo.

"Recuerdo aquella época con mucho cariño, fueron unos años muy bonitos. Éramos un grupo muy compacto, como una familia. Y se formaron varias parejas que se casaron", explica Emma.

Malia que pasou medio século, esta veciña aínda lembra con todo detalle as clases que recibían de Mabel, unha mestra que se desprazaba cada sábado dende Lugo, así como os ensaios que eles mesmos facían pola súa conta durante o resto da semana baixo a supervisión de Sabela, a irmá de Ana Rodríguez, para estar mellor preparados de cara ás actuacións.

O grupo orixinal de bailadores era como unha "familia", na que se formaron varias parellas que acabaron casando 

Os baixos da casa do concello, a sociedade La Unión ou o Casino de Sarria eran lugares habituais para recibir unhas ensinanzas nas que se implicaban por igual homes e mulleres porque, naqueles anos 70, "los chicos no eran reacios a formar parte de grupos de baile".

ACTUACIÓNS. Ataviados cos traxes que eles mesmos lles encargaban ás modistas da vila e cun estandarte que aportou a Deputación Provincial, estes sarriaos estreáronse nas patronais de San Xoán, onde acompañaron un desfile polas rúas de carros do país engalanados para a ocasión.

Tamén era habitual a súa presenza nas celebracións que acollía La Unión a finais do mes de agosto como precedente da Noite Meiga ou nas festas do San Froilán de Lugo, ademais de levar a súa arte por outros puntos da provincia, onde coincidiron con agrupacións como Cantigas e Frores.

"En Viveiro quedamos entre los primeros en un certamen", conta Benjamín Escontrela, que non só participou no grupo inicial de Meigas senón que tamén tivo un cuarteto chamado Los Flavia II.

"Fue una época muy buena. Inolvidable. Nos conocíamos desde pequeños y formamos una pandilla de amigos que siempre estábamos juntos", apunta.

Os estudos que cada un deste sarriaos foron emprendendo noutras localidades acabaron por disolver a formación orixinal, pero deixando ese pouso de bos recordos que conservan.

Ademais de Garulaxe, Meigas e Trasgos creou outros grupos para nenos máis pequenos que se incorporaban ao mundo da música tradicional cos nomes de Burbuxas e Burbuxiñas.

Esta veterana asociación, hoxe baixo a presidencia de Julio Francisco González, Gua, continúa impartindo clases de gaita, percusión e baile e mantendo os nomes dunhas agrupacións que, con medio século de vida, gañáronse un posto na historia de Sarria.

Comentarios