Pilar López Yáñez: "Teño moi claro que non me vou ver de socia de goberno cos traidores"

Hai catro anos estreouse en política e, convertida na primeira alcaldesa de Sarria nun pacto que durou uns meses, acabou gobernando en minoría con catro concelleiros do seu grupo, o PSOE; dous do BNG e unha non adscrita. Agora aspira a revalidar mandato. 

Pilar López Yáñez. VILA
photo_camera Pilar López Yáñez. VILA

Que aprendeu nestes anos? 

De todo, dende dereito administrativo, urbanístico... Foron catro anos cheos de aprendizaxe. O que máis vou valorar é todo o que aprendín grazas á alcaldía. 

Parece que ao final o avó non o xubilou... 

Dame moita pena que se lle dese tantísima importancia a algo que foi sacado de contexto. 

Como valora o regreso á política de Claudio Garrido? 

El foi o que tomou a decisión de marchar e de ir buscarme a min como candidata. Non vale de escusa que volva pola falta de xestión, vale de escusa que volve porque contaba seguir movendo os fíos de Pilar López Yáñez. 

Vese de novo co BNG de socio? 

Con dez candidaturas e co que pode pasar aquí non se sabe con quen se pode ver un de socio, é impredecible. Teño moi claro con quen non me vou ver de socia. 

E con quen non? 

Loxicamente, cos traidores. 

Quen son? 

Os que non respectaron o que marcan os estatutos dos partidos. Iso inclúe a un que foi expulsado do seu partido e a outro que decidiu marchar pero tampouco aceptou facer unhas primarias como aparece nos estatutos. 

Benjamín Escontrela e Claudio Garrido? 

Loxicamente. E co PP, que xa se dá por obvio. 

Cal é a súa quiniela para as vindeiras eleccións? 

É imposible con dez candidaturas. Levo días con varias aplicacións e cambiando ó mellor dez votos de partido xa se pode cambiar un concelleiro. Eu confío en que nós nos afiancemos, e saquemos algo máis seguro, e que algún se leve un ‘batacazo’. 

Con que se queda, San Xoán ou Os Remedios? 

Quédome coas dúas. Ó mellor son máis dos Remedios que de San Xoán, porque Os Remedios é algo moi intenso nun só día. 

Cal foi o último libro que leu? 

‘Los amarillos’ de Albert Espinosa, que é un libro de positivismo. Debo levar sen ler libros dende que son alcaldesa. 

Con que político que non sexa do seu partido iría de cañas? 

Dame igual de que partido sexa para irme de cañas. Ó mellor para rirme un cacho, con Beiras. 

Segue practicando running? 

Non practico nada que non sexa a alcaldía. O único que fago é ir a zumba os sábados, que é unha actividade do Concello. Intento camiñar para facer un pouco de exercicio e ver como está o pobo. 

Aparéceselle en pesadelos a Rúa Diego Pazos? 

Aparéceseme en pesadelos Diego Pazos, a piscina, Ponte Ribeira... pero non por non ter vontade e non poñerlle todo o empeño, senón porque surxiron cousas que non dependen de nós. 

Ponte Ribeira, para cando? 

En principio para cando deixe actuar Medio Ambiente, a partir de xuño. 

E o modificado do proxecto que propón a dirección de obra? 

Está sen aprobar, ó mellor nin sequera se admite. É unha decisión que ten que tomar tamén a Confederación Hidrográfica. 

Cando se poderán bañar os sarriaos nunha piscina cuberta? 

Esteamos nós ou quen estea, a piscina ten que abrir para este outono. 

É das que se lanza de cabeza á piscina? 

Eu sempre. 

E se está baleira? 

O golpe que me levo. E así me vai, pero sempre por diante. 

En que situación se molla? 

A xente que me coñece e os anos que levo de alcaldesa todo o mundo ve que me mollo en todo. 

Fixo o Camiño de Santiago? 

Fixen dende O Cebreiro ata Sarria e teño intención de continuar. 

Que lle pediría ao Apóstolo para Sarria? 

Que teña unha lexislatura de consenso e que pense nos sarriaos. Estea no goberno ou na oposición vou loitar igual para que Sarria teña o que se merece.

En curto
Un móbil para todo 
A candidata emprega o móbil para todo. "Nel teño o Concello, podo firmar, acceder a expedientes, traballar dende calquera sitio...", afirma.

Múltiples anotacións 
Pilar López acostuma a deixar anotación en pósit e mesmo emprega as mans. Na mesa do despacho de alcaldía di ter "unha desorde ordenada". 

Cre nas "enerxías positivas" 
Asegura crer nas "enerxías positivas" e leva consigo unha estampiña do Cebreiro que lle regalou unha veciña e dous trevos de catro follas.

Comentarios