Piden ao TSXG paralizar o proxecto eólico Serra do Oribio para evitar "danos irreparables"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza presenta un recurso contencioso-administrativo tras "denegar" a Xunta a suspensión das obras
Comparecencia da plataforma Salvemos O Iribio. LUIS POLO
photo_camera Comparecencia da plataforma Salvemos O Iribio. LUIS POLO

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) pediu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a paralización das obras do parque eólico Serra do Oribio, unha medida cautelar que acompaña a un recurso contencioso-administrativo contra unha decisión na que a propia Xunta "denegou" suspender o proxecto. 

En concreto, tal e como indicou a portavoz de Adega, Belén Rodríguez, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas rexeitou paralizar as obras e o pasado mes de febreiro emitiu unha resolución na que cualificaba como "non substancial" unha modificación do proxecto presentada 11 anos despois da súa aprobación inicial. 

Agora, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, que forma parte da Plataforma Salvemos O Iribio, interpuxo un recurso ante o TSXG e solicita a paralización cautelar do parque para evitar os "danos irreparables" que podería supor a instalación para a Rede Natura 2000, o Camiño Francés do Camiño de Santiago e outros espazos protexidos desta zona do Courel. 

De seguir o curso destas obras que están a avanzar a marchas absolutamente desproporcionadas, poderiamos estar ante un dano realmente serio de valores ambientais e culturais

A responsable de Adega participou este venres nunha rolda de prensa celebrada en Santiago, á que tamén asistiron o presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Óscar Rivas; a integrante de Equo Galicia Nery Díaz; e os deputados autonómicos Antón Sánchez (Grupo Común da Esquerda), Luís Bará (BNG) e Pancho Casal (Grupo Mixto).

MODIFICACIÓN "NON SUBSTANCIAL". Neste contexto, Belén Rodríguez asegurou que "até en dúas ocasións" a Dirección Xeral rexentada por Ángel Bernardo Tahoces paralizou as obras do Serra do Oribio "por iniciarse sen as respectivas licenzas e permisos tanto por parte da Xunta como dos concellos". "Esa paralización cautelar foi levantada no mes de xullo", lembrou a portavoz de Adega, para despois desmentir que a modificación do proxecto sexa "non substancial", tal e como a declarou a Xunta. E é que, aínda que "diminúe de doce a oito" os aeroxeradores, os muíños aumentan "en 15 metros de altura e nun 64 por cento" o diámetro das aspas. 

Óscar Rivas insistiu en que o plan director da Rede Natura "claramente prohibe a instalación de parques eólicos"

Neste sentido, Rodríguez explicou que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas considera non substanciais os cambios porque así se "exime á empresa eólica de ter que someter este proxecto a unha nova declaración de impacto ambiental". Esta "celeridade" e "irregularidades" das obras, indicou, débese a que a empresa ten até o próximo 12 de decembro para iniciar a construción do parque.

"UN DANO REALMENTE SERIO". "Consideramos que, de seguir o curso destas obras que están a avanzar a marchas absolutamente desproporcionadas, poderiamos estar ante un dano realmente serio de valores ambientais e culturais que están recoñecidos e que dificilmente se poderían recuperar", sentenciou. 

Pola súa banda, o presidente da Sociedade Galega de Ortnitoloxía (SGO), Óscar Rivas, insistiu en que o plan director da Rede Natura "claramente prohibe a instalación de parques eólicos". 

Por iso, Rivas ve "clara" a "conivencia" da Xunta neste caso, polo que ironizou con solicitar para Galicia "un 155 en política ambiental", xa que este proxecto "ameaza" a poboacións de aves "en declive" na Península Ibérica. 

Con todo, subliñou que a plataforma Salvemos O Iribio "non está en contra dos parques eólicos", porque se trata de "unha enerxía que pode ser sustentable". "Pero debe ser planificada de forma racional", matizou. 

Comentarios