Carmela Cela: "Persiste inconscientemente ese ‘sesgo’ do científico como home"

A bioquímica de Triacastela Carmela Cela traballa no centro de bioloxía molecular Severo Ochoa en Madrid en investigación de leucemia e hai uns días impartiu unha charla telemática no colexio público da súa vila natal con motivo da Semana da Muller e da Nena na Ciencia.
Carmela Cela Rodríguez, no centro de traballo. EP
photo_camera Carmela Cela Rodríguez, no centro de traballo. EP

Interesada dende moi pronto pola ciencia, Carmela Cela foi premio extraordinario de Bacharelato no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria e gradouse en Bioquímica en Madrid, carreira na que atopou "moitas das respostas que buscaba". Con 24 anos, investigadora predoutoral en inmunoloxía, fomenta tamén a divulgación científica xunto con dous compañeiras na canle de youtube Ciencia con Carme e agarda que a situación vivida co covid faga ver que se precisan profesionais formados aquí e coa "estabilidade" necesaria para que o talento non marche fóra.

Lembra como xurdiu en vostede a vocación científica?
A primeira vez que recordo ter interese pola ciencia foi vendo un programa na 2 de TVE para nenos que explicaban moitas cousas de física. Interesábame moito e mesmo tomaba apuntes. Tería 10 anos ou así. No instituto tiven por primeira vez a materia de bioloxía e xa souben que ían por aí os tiros. Tiven moi bos profesores, que tamén nos levaban de excursión aos laboratorios do Hula. En Bacharelato fixen en Lugo o campus XuvenCiencia e fíxome moita ilusión estar este ano de monitora.

Vén de dar unha charla no colexio de Triacastela sobre o sistema inmunitario. Que intentou transmitirlle ao alumnado?
Isto foi grazas á asociación La ciencia es femenino, que pretende darlle máis visibilidade ás mulleres científicas galegas, sobre todo nos medios, onde saen moitos máis homes científicos. O que lles quixen transmitir foi a miña fascinación absoluta polo sistema inmunitario e intentalos convencer de que son as células que mellor o fan de todo o corpo. En momentos como este do coronavirus apreciamos moito ter un sistema inmunitario forte.

Intentei transmitirlle aos nenos e nenas de Triacastela a miña fascinación absoluta polo sistema inmunitario

Diría que é básico fomentar dende a infancia o interese pola ciencia entre as nenas e os nenos?
Eu creo que si. Que o meu primeiro encontro coa ciencia fose dun xeito amigable, case sinónimo de diversión, axudoume moito a velo como unha cousa positiva e interesante. Unha vez creces acórdaste moito desas pequenas cousas que che fan poñer o foco cara iso.

Cre que no tema da ciencia quedan moitos estereotipos por romper?
Hai bastantes estudos que din que Carmela Cela Rodríguez, no centro de traballo. os nenos de 0 a 5 anos debuxan tanto científicos homes como mulleres. Pero a partir dos 5 anos, cando xa empezan a ter un pouco de conciencia, de referentes da televisión, dos debuxos…, empezan a debuxar homes, maiores, con batas e excéntricos. Si que segue habendo, eu creo inconscientemente, ese sesgo cara o científico como home, maior e aburrido. En Ciencia con Carmen un dos obxectivos é que se vira que somos tres rapazas, que nos gusta a ciencia, que a podemos facer atractiva para todos os públicos e que as nenas do futuro pensen que poden ser como queiran, coas cousas que lle gusten pero interesadas en ciencia e ó mellor con moito que aportar.

Fan falta medidas políticas para que os científicos que queiran adicar a súa vida á ciencia teñan certa estabilidade

Considera que a pandemia fixo que se valore máis a ciencia?
Creo que se pasa por todas as fases. Na prepandemia a ningúen lle interesaba a ciencia. Pasamos despois por un pico no que a ciencia era o que nos ía salvar e despois volvemos a outro pico no que a ciencia non nos vai sacar dun día para outro porque se non houbo un investimento previo, unha anticipación e uns estudos, a ciencia non funciona con eses prazos.

O que parece claro é que debería ir acompañado de investimento...
Claro, a solución estaría nun maior investimento e apoio á ciencia. Non todo é meter cartos, senón tamén medidas políticas que poidan promocionar aos científicos que queren adicar a súa vida á ciencia para ter unha certa estabilidade, porque as condicións nas que moitas veces están non as hai noutras profesións. 
 

"Segundo se nos esixe cultura histórica tamén é importante ter certa cultura científica"


Con que obxectivo naceu a canle Ciencia con Carmen?
Empezamos durante a pandemia e o primeiro obxectivo era desmentir falsidades e dar información de calidade, entendible para todo o mundo. Unha vez fomos avanzando e cambiando un pouco máis de temáticas o noso obxectivo é facelo interesante, atractivo, que non sexa un rollo escoitar falar de ciencia. Segundo se nos esixe moitas veces ter moita cultura sobre datos históricos ou cousas que pasan tamén é importante ter unha certa cultura científica en cousas relevantes no día a día. Agora tamén teño unha canle de youtube eu soa en galego e xunto con dous amigos acabo de comezar unha canle de Twitch que se chama Ecos de Xigantes.

Durante estes meses, tiveron que desmentir moitas falsidades?
Si, foi sonado o MMS, ata Trump chegou a dicir que podía ser a cura do coronavirus e realmente era lixivia diluída que non tiña moito sentido usar. Chegáronnos cousas bastante atoladas e fixemos o que puidemos para desmentilas.

Comentarios