Peligro, campo de minas

El mal estado del pavimento en Diego Pazos genera indignación en vecinos y negocios, que inician una segunda recogida de firmas
Los baches, de gran profundidad, se suceden en todo el tramo. VILA
photo_camera Los baches, de gran profundidad, se suceden en todo el tramo. VILA

Circular pola rúa Diego Pazos de Sarria, no tramo comprendido entre os cruces da Avenida e A Ciguñeira, converteuse nunha auténtica odisea. As fochancas sucédense nunha das zonas máis céntricas da vila, alcanzando nas últimas semanas maior profundidade, co consecuente risco para os condutores e indignación de negocios e veciños, que iniciaron unha segunda recollida de firmas.

"Sentímonos marxinados", aseguran nun dos establecementos, onde tamén fan fincapé no mal estado do que deberían ser unhas zonas axardinadas que embelecesen a rúa.

Pero, en lugar de plantas, só hai barro e as marcas das rodas dos vehículos de repartición, que acaban por subirse ás beirarrúas ao non estar pintadas as zonas de carga e descarga neste tramo.

Baches Sarria"A imaxe é bochornosa, terceiromundista. E por riba, en pleno centro do pobo e nunha zona con moito tránsito porque non hai outra alternativa de paso", comentan noutro negocio, onde foron testemuñas do estupor que a situación tamén xera a quen veñen de fóra. "Cando chegan comerciais doutros lugares din que é vergoñoso", explican.

Mentres, Concello e Xunta manteñen un pulso con motivo da reforma desta vía, que estivo en obras no anterior mandato cun resultado defectuoso.

A administración local propón agora levantar o pavimento para reparalo con aglomerado e a autonómica, titular da vía, non concede licenza para estes traballos alegando que non son unha actuación puntual nin tampouco compatible co proxecto de reforma integral autorizado en 2018.

Tras esta resposta, o Concello colocou un sinal na rúa que reduce a velocidade de 30 a 20 quilómetros por hora e na que se le "precaución, firme en mal estado", á vez que reclamou á Xunta que asuma a reparación e deixe facer o bacheo con grava miúda, mantemento que a administración titular si permite.

O mal estado da rúa viuse agravado e os veciños, que xa reuniran 200 firmas para pedir a reparación íntegra, iniciaron unha segunda recollida de rúbricas. Neste escrito, reclaman á Xunta que autorice o arranxo xa sexa total ou parcial e ao Concello que actúe coa máxima celeridade unha vez teña permiso.

Segundo un dos comerciantes, o máis urxente sería levantar a calzada e acondicionar xardíns para evitar as perdas dun segundo corte prolongado da vía. Outro está tentado de plantar árbores de Nadal nas fochancas máis profundas para chamar a atención sobre unha rúa que, "uns polos outros", segue en pésimo estado.

Comentarios