Patrimonio dos Ancares reclama que se protexa o petróglifo de Vilasouto

O colectivo solicita a sinalización dos gravados de Agro do Pepe e un peche para facer fronte a agresións. Propón tamén o seu traslado a outro punto do encoro do Incio para evitar a erosión
O petroglifo de Agro do Pepe atópase no encoro de Vilasouto. XABIER MOURE
photo_camera O petroglifo de Agro do Pepe atópase no encoro de Vilasouto. XABIER MOURE

O colectivo Patrimonio dos Ancares solicita, tanto do Concello do Incio como da dirección xeral do Patrimonio Cultural, que adopten medidas de protección do petróglifo de Agro do Pepe, sito no encoro de Vilasouto e considerado "un dos bens patrimoniais máis singulares de Galicia", en palabras do investigador Xabier Moure.

Segundo explica, esta "mostra de arte rupestre ao aire libre" vén sufrindo distintas agresións dende hai anos causadas pola acción humana, as máis graves consistentes en inscricións de nomes de persoas detectadas no 2016.

Ademais, cando as augas do encoro están baixas e queda ao descuberto, o petróglifo é utilizado por algúns bañistas que o usan de trampolín, por pescadores ou como embarcadoiro de piraguas.

A protección solicitada pasaría por sinalizar estes gravados, colocar un peche acorde coa contorna que permita a súa observación sen pisalos e dotalos dun panel con explicacións didácticas sobre o seu valor e significado, para concienciar da importancia deste ben.

O colectivo propón tamén que eses carteis advirtan das consecuencias de causar danos nun petróglifo, con sancións económicas que poden ir "dende os 6.000 ata o millón de euros", apunta.

Patrimonio dos Ancares amósase partidario de conservar in situ os elementos arqueolóxicos, mais neste caso entende que sería "prudente" de cara á súa preservación o traslado a un sito "seguro" nas inmediacións do encoro, proposta que trasladará a Patrimonio.

Segundo lembra, o petróglifo de Agro do Pepe permanece boa parte do ano baixo as augas desta presa construída no 1969, o que provoca unha "continua erosión que lle está a producir un serio desgaste ás figuras". Teme tamén que o seu soporte acabe por derrubarse dado que existe "constancia oral de que no mesmo sitio había, alomenos, outra pena con gravados que agora xa está baixo as augas".

Moure visitou recentemente a zona ante a alerta dunha posible nova agresión ao petróglifo. Unha vez alí constatou que o contorno das figuras fora resaltado cunha pedra, polo que procedeu á limpeza para eliminar as marcas.

Comentarios