Tras os pasos de Camilo Gonsar

O Concello de Sarria elabora unha audioguía sobre a ruta literaria arredor da novela 'Desfeita', que comeza no Chanto e remata na estación de tren, sinalizada con placas e textos da obra
Unha das placas creadas por Rubén Grilo e instalada na Rúa Matías López. VILA
photo_camera Unha das placas creadas por Rubén Grilo e instalada na Rúa Matías López. VILA

O escritor Camilo Gonsar (Sarria, 1931-Vigo, 2008), membro da Real Academia Galega, mestre en Nova York e unha das voces máis destacadas da Nova Narrativa Galega, alzouse co Premio Nacional da Crítica do ano 1983 coa novela Desfeita, na que retratou os tempos do franquismo.

A súa vila natal, que dende hai anos recorda a súa figura dándolle nome á biblioteca pública, ampliou este recoñecemento creando a ruta literaria arredor desta novela, un percorrido que parte dende o parque do Chanto e remata na estación de tren, se ben tamén se pode facer de xeito inverso.

Ao longo de once paradas conduce por lugares moi significativos dentro da obra, que arranca coa pescuda dunha morte acontecida a raíz da sublevación militar de 1936 e durante a cal saen a relucir outros sucesos, así como o urbanismo dunha vila que en ningún momento se nomea como Sarria, pero que os estudosos do libro identifican como tal.

Esas paradas son sinalizadas na ruta literaria mediante placas escultóricas deseñadas polo artista sarriao de ámbito internacional Rubén Grilo, e con textos da novela seleccionados polo escritor e catedrático de Lingua e Literatura Antón Fortes, cunha tipografía ideada especificamente para este proxecto por María Ramos para escribir sobre cemento fresco.

A iniciativa deuse a coñecer hai xa un ano polo Día do Libro e pouco despois o Concello comezou a instalar as placas, pero é agora cando esta ruta se dota de contido coa creación dunha audioguía que permite percorrela de xeito autónomo en calquera momento.

Segundo indica o concelleiro de Cultura, César No, esta audioguía incide na figura de Camilo Gonsar, pero tamén na súa obra e na propia historia da vila de Sarria. Para iso, cada parada terá un código QR, que lle dará ao usuario unha explicación sobre ese punto na voz da guía oficial de turismo Silvia Mondelo. Pero non só iso. Segundo César No, contén tamén recreacións de escenas da Desfeita e música elaborada polos artistas Iñaki, Hernán e Gonzalo.

Visitas guiadas e itinerario

Detalle da peza colocada no Casino da Rúa Maior. VILA
Detalle da peza colocada no Casino da Rúa Maior. VILA

A intención do goberno é ter listos estes códigos QR o vindeiro mes e, despois, redactar tamén contidos didácticos dirixidos a visitas de colexios.

A maiores, faranse rutas guiadas cada certo tempo. A primeira delas está prevista para o vindeiro domingo, ás 17.00 horas, conducida por Silvia Mondelo e con punto de partida no Chanto. Previamente, terá lugar o martes a presentación de todo o proxecto, ás 19.30 horas na casa da cultura, a cargo do concelleiro César No. Ambos actos están abertos a todas as persoas que queira sumarse.

A ruta comeza xunto ao bar-restaurante do Chanto, que se corresponde na novela co River Club do que fala Gonsar. Segundo Fortes, foi neste lugar onde un dos personaxes, O Barbas, "tira a mesa do Doutor Zhivago sobre a tenda de campaña da sobriña de Néstor".

A seguinte parada será na Ponte Ribeira e dende alí, pasando por diante da casa natal de Camilo Gonsar en Benigno Quiroga, continúa ata Matías López. Nesta rúa instaláronse dúas placas, unha nas escaleiras que soben cara á zona vella (lembrando o café España da novela, que semella ser o antigo Avenida), e outra xunto ao chalé de Batallón, a cal alude aos "estafermos", nome que lle dá o autor aos edificios que trouxo a mal chamada modernidade.

A ruta de Desfeita achégase tamén ata a zona dos viños, onde se sitúa na novela o bar Recanto (o Burato na realidade), e volta ata La Unión (o Ateneo do libro), para subir ata o Casino, percorrer a Rúa Maior (colocouse unha placa na Casa de Solance) e rematar con tres paradas consecutivas, no antigo cuartel da Garda Civil, o hotel Roma e a estación de tren, onde conclúe este percorrido polo universo literario de Gonsar.

Comentarios