lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

A pasarela de Ponte Ribeira custará uns 100.000 euros

Ponte Ribeira de Sarria. AEP
Ponte Ribeira de Sarria. AEP
A infraestrutura metálica que prevé o Concello será provisional. Terá un único carril para os vehículos e un espazo para o paso dos peóns

O Concello de Sarria dispón dun proxecto para instalar unha pasarela metálica provisional para permita reabrir Ponte Ribeira, infraestrutura que custará 103.300 euros.

A plataforma terá unha anchura total de 6,5 metros e contará cun único carril para a circulación dos vehículos, de 3,2 metros, e un espazo para os peóns, de 2,5 metros. En cada un dos lados da ponte instalaranse uns semáforos para regular o tráfico e permitir o paso dos automóbiles nos dous sentidos. Ademais de turismos, poderán circular autobuses, explicou o alcalde, Claudio Garrido.

A actuación consistirá na instalación dunha placa de aceiro e dunha lousa de formigón armado sobre tres vigas metálicas, as cales irán apoiadas na estrutura e a cimentación existentes no actual viaduto. Para isto será necesario construír o estribo oeste sobre a cimentación de pilotes actual, segundo recolle o proxecto.

As zonas de peóns e de automóbiles estarán separadas por unha barreira de formigón provista dunha varanda na parte superior. Pola súa banda, na parte dos viandantes colocarase a varanda metálica que tiña Ponte Ribeira, a cal será restaurada. O proxecto calcula que as obras terán unha duración de seis meses.

O Concello, que presentará o proxecto a Patrimonio e a CHMS, agarda financiar as obras con cargo a un convenio coa Deputación

TRAMITACIÓN. Segundo explicou o rexedor, estes traballos non afectarán á parte medieval da ponte. O Concello presentará o documento á Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS) e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A administración solicitou unha reunión co primeiro dos organismos e o rexedor asegurou que durante todo o proceso de redacción estiveron en contacto co Xacobeo.

Garrido sinalou que os trámites para executar as obras serán máis rápidos, xa que non precisa de declaración de impacto ambiental nin afectan ao río.

A actuación será financiada con cargo a un convenio coa Deputación de Lugo, o que xa foi aprobado pola xunta de goberno do ente provincial, indicou. Poderase firmar, aclarou, unha vez entre en vigor o orzamento do próximo ano desta administración.

O alcalde afirmou que tratarán de sacar a licitación as obras o máis rápido posible, despois da sinatura do convenio. Insistou en que é unha actuación "prioritaria" para o Concello, xa que permitirá reabrir ao tráfico e ao paso dos peóns a Ponte Ribeira tras máis de cinco anos cortada.

O obxectivo do goberno para o viaduto é restaurar a ponte medieval e construír unha paralela para a circulación de vehículos. Hai uns meses a xunta de goberno acordou solicitar á CHMS a redacción e execución dun proxecto para levar a cabo estas actuacións.

A pasarela de Ponte Ribeira custará uns 100.000 euros
Comentarios