O Páramo financiará a compra de tres inmobles co remanente de tesourería

O Concello pretende adquirir unha casa no campo da feira, unha nave e a reitoral de Piñeiro
202109121311197731
photo_camera O inmoble coñecido como Casa da Amelia está no campo da feira. VILA

O Concello do Páramo vén de aprobar, nun pleno de carácter extraordinario celebrado esta semana, un suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería co cal pretende financiar, entre outras actuacións, a compra de tres inmobles para uso público: a vivenda coñecida como Casa da Amelia e situada no campo da feira, unha nave rodeada de carballeira nesta mesma contorna, e a reitoral de Piñeiro.

O suplemento de crédito, que saíu adiante por unanimidade­, ascende a uns 319.000 euros e, segundo explicou o alcalde, o independente José Luis López, permitirá tamén acometer outras actuacións como obras en pistas de titularidade municipal, ademais de achegar a parte correspondente do Concello para completar axudas doutras administracións ou aboar o canon da auga.

Con respecto aos inmobles, a intención do goberno local é comprar a denominada Casa da Amelia co obxectivo de dedicala nun futuro a residencia de maiores, unha prestación da que carece polo momento O Páramo e que podería habilitarse neste inmoble dada a súa boa localización no campo da feira, onde se atopan a maioría dos servizos públicos.

Tamén adquirirá unha pequena construción situada nas proximidades desta vivenda, así como unha nave colindante co polideportivo que xa vén utilizando o Concello en réxime de aluguer e que servirá para gardar tanto materiais como vehículos.

Con cargo ao remanente de tesourería, financiarase do mesmo xeito a adquisición da reitoral de Piñeiro, con vistas a rehabilitala para poder dispoñer dun inmoble no que atender posibles emerxencias. Segundo especifica o alcalde, a idea é que sirva, por exemplo, para acoller a algunha familia que quede sen vivenda por causa dun incendio ou para dar cobertura a calquera outra situación de necesidade que se presente.

O Concello paramés tamén negociou coa Diocese de Lugo a regularización doutros inmobles para que sexan oficialmente de propiedade pública. Trátase da Casa do Cura de Moscán e das antigas escolas de Sa.

José Luis López engadiu que outra partida por importe de 145.000 euros ten como finalidade aboar o canon da auga correspondente ao período 2014-2020 e lamentou que O Páramo teña que pagar outros 68.000 euros a maiores en concepto de sanción por retrasos no pagamento destas cantidades, feito que atribuíu a unha neglixencia do anterior equipo de goberno.

Comentarios