A paradelesa Mónica Armada logra o cum laude cunha tese sobre RTVE

A avogada analiza na investigación a evolución empresarial de Radiotelevisión Española
Mónica Armada, de Paradela, cum laude con una tesis sobre RTVE. EP
photo_camera Mónica Armada, xunto ao director da súa tese, Miguel Táuler. EP

A paradelesa Mónica Armada, residente en Madrid, obtivo un sobresaínte cum laude cunha tese doutoral sobre a evolución empresarial de Radiotelevisión Española (RTVE).

Esta avogada foi candidata ao consello de administración da compañía, ao que concorreron un total de 87 persoas. A paradelesa presentou en marzo de 2021 no Congreso dos Deputados o seu proxecto para RTVE.

Precisamente a radiotelevisión pública centrou a súa tese doutoral, dirixida polo catedrático Miguel Táuler Romero, profesor emérito da Universidade Complutense de Madrid (UCM). Mónica Armada defendeu o seu traballo na facultade de Ciencias da Información da UCM ante un tribunal presidido polo catedrático emérito Javier Fernández del Moral e integrado polos profesores Pedro Tenorio, Julio Montero, Mercedes Medina e Teresa García Nieto.

A investigación titúlase La radiotelevisión pública estatal en España: análisis crítico e histórico de su evolución empresarial (1980-2020). Segundo explicou a paradelesa, a tese presenta unha análise da evolución empresarial de RTVE nestes 40 anos, período que comeza coa aprobación, nos inicios da democracia, do Estatuto de Radio e Televisión e conclúe co «inédito» primeiro concurso público para a elección dos membros do consello de administración e a presidencia da compañía.

O traballo céntrase na resolución de problemas da corporación, tanto a nivel organizativo como económico e de bo goberno. Por iso, analiza os distintos modelos de dirección de RTVE, propoñendo novas fórmulas. Tamén examina as finanzas da organización, atendendo principalmente ás contas de perdas e ganancias nestes 40 anos. Por último, dá resposta a cuestións relativas á avaliación da calidade na xestión empresarial da compañía, para o que tivo en conta tres aspectos, como son a evolución da estrutura organizativa e das audiencias, e a xestión dos recursos humanos.

Mónica Armada remata a súa tese expoñendo distintas propostas de futuro para unha mellor xestión de Radiotelevisión Española en cumprimento normativo e recursos humanos. No seu traballo incluíu os resultados dunha enquisa na que participaron 145 profesionais, aos que preguntou sobre o servizo público, o financiamento-control, e a xestión-organización da corporación.

Comentarios