"Paradela para min é o máximo"

Catro veciños do municipio contan as súas vivencias e lembranzas no documental 'Os nosos maiores', realizado por Begoña Pérez e enmarcado nos actos do bicentenario deste Concello
Julio Varela, Francisca Jorge, Ermitas López e Xesús Mato. BEGOÑA PÉREZ
photo_camera Julio Varela, Francisca Jorge, Ermitas López e Xesús Mato. BEGOÑA PÉREZ

"Paradela para min é o máximo". Con estas palabras, que saen da boca de Francisca Jorge López, residente en Randulfe, comeza o documental Os nosos maiores, no que catro veciños do municipio de avanzada idade contan as súas vivencias e a súa visión da Paradela de antes e de agora.

Promovido polo Concello dentro dos actos de celebración do seu bicentenario, o documental foi realizado en setembro pola fotógrafa e produtora audiovisual Begoña Pérez López, coa colaboración do escritor e xornalista Xulio Xiz, quen formulou as preguntas que tiveron a ben responder Francisca Jorge, Julio Varela, Ermitas López e Xesús Mato, todos eles veciños de Paradela de entre 79 e 90 anos.

A experiencia da vida permítelles falar con propiedade dun municipio que coñecen á perfección e ao que están orgullosos de pertencer. "Quérolle a Paradela etereamente", afirma o crego Xesús Mato, Fillo Predilecto do concello. "Estou no mellor sitio do mundo, porque vivo soa, pero non estou soa. Son dunha zona na que todos somos un", engade Francisca, a quen lle gusta participar da vida social e cultural da zona.

Begoña Pérez: "Quería que a palabra fora a que enchera o documental. Resultoume entrañable, encantoume escoitalos e xa me sinto un pouco de Paradela"

Malia que naceu en Portomarín, esta veciña chegou a Paradela con só uns meses de vida e xa nunca deixaría este concello, formado por persoas "humildes, pero moi boa xente". E é que os residentes nesta terra destacan por ser "moi competentes", di Julio Varela, fundador do Mesón do Loyo e membro da banda de música.

A Ermitas López fáltanlle palabras para expresar o que representa para ela Paradela. "Estou satisfeita co que teño, non teño nada, pero téñoo todo", asegura esta muller, de ampla cultura.

Durante algo máis de media hora, os relatos destes maiores sucédense nunha cinta guionizada, gravada e montada por Begoña Pérez. "O que a min me gusta é contar historias con imaxes", comenta a autora. Se a iso se lle suma a autenticidade das testemuñas destes catro veciños, o resultado é un documental sen adornos, só con son ambiente, no cal "a palabra enche".

As entrevistas realizáronse no centro sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela, nas vivendas particulares de Ermitas e Julio e no Seminario de Lugo, onde reside Xesús Mato.

O documental, que se pode ver en Youtube, articúlase en cinco capítulos, nos cales os protagonistas falan da Paradela de antes, de como eran as familias daquela época, dos tempos da infancia e da escola, das festas e da imaxe que teñen hoxe do concello.

Lembran, por exemplo, a dureza dos labores do campo, nuns anos nos que todo se facía de xeito manual e nos que os nenos e as nenas comezaban a traballar a moi curta idade para axudar nos fogares. "Había moita xente que o pasaba moi mal. As comidas eran moi limitadas: un caldo, leite e castañas, un pouco de mel con manteiga ou torta de millo", explica Ermitas. E confirma Julio, "leite e torta existían a diario".

As vivendas estaban cheas de xente —"eramos 21 nenos en catro casas", exemplifica Mato— e o mesmo sucedía nas escolas, onde "os maiores levaban ao carrelo aos máis pequeniños". Alí aprendían "as catro regras" e tamén estudaban "a historia sagrada" da man de mestres que deixaron neles unha fonda pegada.

As familias "eran grandes e con valores que penso que agora non hai", opina Francisca, mentres que Julio destaca os estreitos vínculos entre os veciños, que se xuntaban polas noites para xogar ás cartas e se axudaban en todas as tarefas "sen medir os favores".

O despoboamento do rural e a experiencia da emigración —en moitos casos a Suíza, onde antigos integrantes da Banda de Paradela formaron un grupo de música— son outros dos temas que saen a relucir nun documental feito dende o sentimento e con persoas con moita "memoria histórica".

"A min resultoume moi entrañable. Encantoume escoitar a estes veciños e hai a quen lle pedín ata un abrazo ao rematar", confesa Begoña Pérez, que xa se sente "un pouco de Paradela". "Gústame moito o que fago e con xente así, máis aínda", conclúe.

Comentarios