Paradela honra o xenetista Santiago Rodríguez, un "imprescindible"

O Concello entrega o título póstumo de Fillo Adoptivo á familia do catedrático, cuxos restos xa repousan xunto aos de seu pai
O fillo do homenaxeado amosa o título xunto a Mato, Mulet, Xiz e outros membros da familia. VILA
photo_camera O fillo do homenaxeado amosa o título xunto a Mato, Mulet, Xiz e outros membros da familia. VILA

Santiago Rodríguez López, o xenetista de Paradela que triunfou na Universidade de Bristol, recibiu o mércores neste municipio unha emotiva homenaxe póstuma coa entrega á súa familia do título de Fillo Adoptivo. Nun acto cuns 200 asistentes, o Concello recoñeceu o labor deste catedrático, unha persoa "imprescindible" polas súas cualidades humanas e profesionais, "brillante na investigación e no ensino", pero tamén "servicial, agarimoso e sabio".

Falecido o pasado mes con só 52 anos, Santiago Rodríguez sentía "unha devoción absoluta" por seu pai, o escritor Manuel Oreste Rodríguez López, Fillo Predilecto deste concello, xunto ao cal repousan dende este mércores os seus restos no Panteón de Paradelenses Ilustres.

Parte do numeroso público asistente aos actos en Paradela. VILA
Parte do numeroso público asistente aos actos en Paradela. VILA

Previamente, celebrouse a misa de funeral, oficiada no centro multiusos polo coengo Luis Varela e os párrocos José Veiga e Julio Fernández Doval, e cantada polo Orfeón Lucense baixo a dirección de Marcos M. Fernández.

O xornalista e escritor Xulio Xiz, quen tamén recibirá o título de Fillo Adoptivo de Paradela, exerceu de condutor do acto, lembrando as semellanzas "en ilusión, en fe, entusiasmo, traballo, estudo e dedicación" entre Santiago Rodríguez e seu pai, finado aos 55 anos. "Foron dous xigantes da cultura, da escrita, da amizade... de Paradela e de Galicia", subliñou Xiz, quen tamén recordou ao crego Xesús Mato, recentemente desaparecido. "Os tres colleitadores de amigos, traballadores infatigables, namorados da amizade, abrindo portas a inmensidades, enriquecendo a todos os que con eles nos relacionamos", dixo.

Emocionado se mostrou tamén o exalcalde de Paradela José Manuel Mato, quen actuou como instrutor do expediente para nomear Fillo Adoptivo a Santiago Rodríguez, "un rapaz brillante nos estudos e no ensino que cunha bolsa da Unión Europea pasou a ser docente na Universidade de Southampton e, por fin, na de Bristol, onde sentou cátedra". "A de Santi foi unha vida entregada á memoria de seu pai e, con ela, a Paradela. Honrando a seu pai honrounos a todos os paradelenses", asegurou Mato.

A alcaldesa, Montserrat Mulet, foi a encargada de entregar o título de Fillo Adoptivo (concedido por acordo unánime do pleno) á familia do homenaxeado, representada pola súa muller, a súa nai, o seu fillo Carlos e seu irmán, entre outros, unha saga "plenamente incardinada na xeografía humana das xentes de Paradela".

"É unha mágoa que a celeridade que nos impuxemos en outorgarlle a merecida distinción fora superada pola enfermidade", lamentou a rexedora, para quen o recoñecemento foi un acto de "xustiza póstuma".

En nome da familia, falou seu fillo, expresando o agradecemento por esta homenaxe. "Non hai palabras que alcancen a altura da vosa xenerosidade, igual que as palabras non alcanzan a profundidade da nosa dor", afirmou. Carlos Rodríguez revelou que seu pai levaba case un ano traballando nunha novela cando enfermou e apelou á memoria dun persoeiro que só espallou "amizade e lealdade" e que puxo as súas facultades "ao servizo dos demais, con absoluta xenerosidade e humildade".

                      O fillo do homenaxeado amosa o título xunto a Mato, Mulet, Xiz e outros membros da familia.
Depósito da urna coas cinzas no cemiterio municipal. VILA

O acto contou coas interpretacións musicais de Martín Vázquez e dos gaiteiros de Paradela, e rematou no cemiterio municipal, onde foron depositadas as cinzas do catedrático e onde soou Salve regina e o Himno galego. "Por fin en Paradela e, por fin, outra vez co pai". concluíu seu fillo.

Comentarios