Paradela clausura o bicentenario coa entrega de medallas a 39 concelleiros

O presidente da Xunta encabezou os actos e destapou unha placa en recordo do aniversario ► Alfonso Rueda destacou o afán dos veciños por lembrar o seu pasado e "sementar" o futuro

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, clausurou o sábado en Paradela os actos de conmemoración do bicentenario deste concello, que incluíron a entrega dun diploma e da Medalla de Ouro do municipio aos 39 concelleiros que formaron parte da corporación dende o ano 1979.

Entre eles cóntase o propio alcalde, José Manuel Mato, rexedor decano da provincia de Lugo, con 44 anos en activo, a quen lle impuxo a medalla o presidente da Xunta. Xunto a él foron recoñecidos "pola súa dedicación e traballo" a prol de Paradela os outros 38 edís do período democrático, nalgúns casos a título póstumo.

En nome de todos eles pronunciou unhas palabras a exconcelleira María Teresa Veiga Rodríguez ante un auditorio formado por uns 200 veciños, entre os que se atopaban os Fillos Predilectos Xesús Mato e Ángel Fernández.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o subdelegado de Defensa en Lugo, Juan José Fernández Arrojo, e varios alcaldes e alcaldesas da provincia foron outros dos asistentes á clausura, conducida polo xornalista Xulio Xiz e na que tamén participaron representantes de Endesa, entidade colaboradora do bicentenario.

Os actos arrancaron diante do centro sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López coa recepción das autoridades e invitados, seguida do descubrimento dunha placa no campo da feira, por parte do presidente da Xunta e do alcalde, en recordo dos 200 anos de vida da institución paradelense.

A comitiva, acompañada do grupo de solistas da Banda de Música de Paradela, trasladouse deseguido ata a estatua en homenaxe aos Cabaleiros de Santiago, orde fundada no século IX neste concello. Ao pé da escultura de Cándido Pazos, inaugurada o pasado verán como parte do bicentenario, posaron para unha foto de familia.

O sitio onde naciches, onde te criaches, onde están enterrados os teus antepasados... é o que che queda no corazón. E facelo grande é facer grande Galicia"

Alfonso Rueda e as demais autoridades percorreron tamén, nas instalacións do mercado ganderio, as tres exposicións arredor de Paradela e o seu poeta, Manuel Rodríguez López, que se puideron visitar durante varios meses.

O presidente da Xunta destacou no seu discurso o afán dos veciños deste concello e do seu alcalde por recuperar o pasado, reivindicar o presente e "sementar" o futuro. "O sitio onde naciches, onde te criaches, onde están enterrados os teus antepasados... é o que che queda no corazón. E facelo grande é facer grande Galicia", afirmou.

O titular do Executivo autonómico, quen ofreceu colaboración coas administracións locais, subliñou tamén a importancia do Camiño de Santiago en Paradela e a historia "dun dos primeiros concellos galegos que acadou a oficialidade no século XIX".

Alfonso Rueda díxolle aos paradelenses que poden estar "orgullosos" da súa terra e animounos a continuar "comprometidos para que siga tendo un gran futuro".

Preto dun ano cheo de eventos

A celebración do bicentenario arrancou en xullo do 2022 e, dende entón, foron multitude as actividades realizadas, tales como a exposición con máis de 700 imaxes antigas do concello e das súas xentes.

PEREGRINOS Os músicos históricos de Paradela tamén foron homenaxeados e os peregrinos, obsequiados con productos da terra.

DOCUMENTAL Un documental sobre os maiores, a recuperación de romarías e actos deportivos cóntanse entre os eventos programados, que quedarán recollidos nunha publicación.

Comentarios