Paradela apoia a natalidade con axudas de 1.200 euros por bebé

O pleno do Concello aproba unha nova ordenanza que se aplicará a partir do 1 de xaneiro e que inclúe tamén as adopcións
Alumnos do colexio público San Miguel de Paradela. AEP
photo_camera Alumnos do colexio público San Miguel de Paradela. AEP

O municipio de Paradela, con 1.683 habitantes, dos cales 720 superan os 65 anos de idade fronte a 96 de entre 0 e 15 anos, non é alleo á realidade do envellecemento poboacional, cun saldo vexetativo negativo de seis nacementos e 39 defuncións o pasado ano. Para fomentar a natalidade e axudar a fixar poboación, o Concello concederá axudas de 1.200 euros por cada neno ou nena que naza ou sexa adoptado no municipio a partir do 1 de xaneiro.

Nesa data entrará en vigor a nova ordenanza de apoio á natalidade e á adopción, que foi proposta polo grupo de goberno e aprobada por unanimidade no pleno celebrado o pasado xoves.

Según explica o alcalde, o popular José Manuel Mato, poderán beneficiarse todos os veciños e veciñas do municipio que vaian ter un bebé ou adoptar menores de idade a partir do vindeiro ano.

Será requisito imprescindible que polo menos un dos proxenitores resida no concello cunha antigüidade mínima de dous anos e que o neno ou nena sexa empadroado por primeira vez en Paradela e conviva cos solicitantes da axuda no mesmo domicilio. Segundo estipulan as bases, do total de 1.200 euros de subvención, 200 son especificamente para produtos de primeira necesidade.

A idea é que estes nenos cursen estudos nun futuro no Ceip Plurilingüe San Miguel de Paradela, que este ano ten 48 alumnos (17 en infantil e 31 en primaria).

Cos votos dos cinco concelleiros do PP e dos catro do PSOE aprobouse igualmente unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras (Icio) para aquelas empresas que se asenten no polígono industrial de Paradela, onde funciona dende hai meses un viveiro de cinco naves. A medida tamén se aplicará a partir do vindeiro ano, unha vez supere toda a tramitación e a fase de exposición pública a modificación da respectiva ordenanza.

O pleno autorizou, ademais, varias modificacións de crédito con cargo ao remanente de tesourería para financiar unhas obras no viveiro de empresas por importe de 110.000 euros e unha mellora na potabilizadora de auga, cun custo aproximado doutros 46.000.

No apartado de mocións, o grupo popular levou a pleno a solicitude de instar á Deputación a ensanchar a estrada LU-P-5709, que comunica Paradela con Sarria, no treito que se atopa en obras nestes intres e que, segundo denunciou o alcalde, impide que se crucen dous vehículos ao dispoñer só de 4,55 ou 4,70 metros de ancho.

Mato insistiu en que se trata dunha estrada "vertebradora" do territorio e moi frecuentada por camións de leite e outros vehículos pesados, polo que ve imprescindible tomar medidas.

Esta moción, que en Paradela foi aprobada co voto dos concelleiros do PP, tamén se tratou no pleno de Sarria a instancias dos populares, pero non saíu adiante.

Comentarios