O conxuro misterioso

Un veciño da comarca de Sarria transfórmase no Meigo do Barro para preparar queimadas con moito "pedigrí"

Un vecino de la comarca de Sarria se convierte en el Meigo do Barro. EP
photo_camera O Meigo do Barro, durante a preparación dunha tradicional queimada. EP

Como aquel Clark Kent, que cando a situación o requiría se convertía en Superman, un veciño da comarca de Sarria, cuxa identidade mantén en segredo, transfórmase de cando en vez no Meigo do Barro, un personaxe ideado por el mesmo e experto na preparación de queimadas co seu conxuro máis enxebre.

Nin vive disto nin aspira a facelo, pero goza meténdose na pel dun meigo co que busca "conservar as tradicións" propias de Galicia. Porque o seu é un espectáculo "auténtico" e "autóctono". Unha queimada "con pedigrí".

Conta que dende moi neno se sentiu atraído por este ritual. Aos ollos daquel cativo resultaban fascinantes as xuntanzas veciñais con motivo das mallas, nas que sempre había alguén que se animaba a preparar a queimada e pronunciar unhas verbas a modo de esconxuro. Aquel recordo asentou na súa mente e, cando asistiu por primeira vez á celebración da Noite Meiga de Sarria, prendeu nel "a chispa" definitiva.

Con 14 ou 15 anos comezou a afondar nesta temática e iniciou unha investigación que, hoxe por hoxe, constitúe xa "unha tese a nivel persoal". Indagou sobre distintas variantes por toda a xeografía galega e o norte de Portugal, sobre as orixes da queimada —"que se perden no espazo e no tempo"— e sobre a mitoloxía do lume, vinculada a momentos de "xuntanza e parladoiros". Soubo que o conxuro sempre se asociou "a algo positivo e de protección" e que, dependendo da época do ano ou das circunstancias nas que se pronunciaba, podía servir para resgardar as colleitas, coidar do gando, bendicir unha parella ou mesmo "quitar o medo" coa calor dun groliño de augardente.

Na época universitaria, na cidade de Lugo, deleitaba aos amigos co conxuro da queimada e foi alí —entre mouchos, coruxas, sapos e bruxas— cando se fixou nel unha axencia de animación. Coa axuda dun "mecenas" empezou a percorrer toda a xeografía galega e outras comunidades.

O meigo, que leva todo o corpo tisnado de barro, é quen de variar a voz e a entonación sen empregar ningún artificio técnico

Nacía así, a mediados dos 90, o Meigo do Barro, un personaxe que o acompaña dende entón e que sorprende a galegos, foráneos e emigrantes, colectivo este que vive con "morriña e emoción" un ritual que o transporta a Galicia.

A actuación deste veciño non deixa indiferente. Dende a súa vestimenta (con tres capas de tela antiga) ata a caracterización, con todo o corpo tisnado de barro, unha restra de allos colgando e un facho aceso na man para prenderlle lume á queimada coma se do caldeiro olímpico se tratara. Pero, por riba de todo, chama a atención a entoación e o cambio de voces, sen empregar ningún artificio técnico e só coa habilidade aprendida de dobradores.

O Meigo do Barro ten unha páxina web (Meigo Conxuro), mais hoxe as súas intervencións son limitadas, en eventos solidarios ou que selecciona con coidado. "Non quería que fose algo comercial, senón que tivera encanto. Fágoo por aprecio ás tradicións", porque isto é algo "que arrastra uns valores", afirma.

Á espera da súa vindeira aparición quizais se crucen con el pola rúa sen sabelo. Porque nun conxuro sempre queda un pouso de misterio. Porque, como é sabido, habelas, hailas.

Comentarios