Os noventa anos que cumpre o cura Mato

O colectivo Egeria homenaxea ao sacerdote cunha páxina web na que recopila diverso material sobre a prolífica vida e obra deste Fillo Predilecto de Paradela. Reúne tamén arredor dun cento de testemuñas de amigos deste musicólogo
Xesús Mato. EP
photo_camera Xesús Mato na actualidade. EP

Hai noventa anos vía a luz en Cabo de Vila, en San Martiño de Castro (Paradela), Xesús Mato Mato, quen chegaría a ser crego e xogaría un importante papel na música galega. Esta prolífica vida e obra queda reflectida nunha páxina web que acaba de poñer en marcha o colectivo Egeria para homenaxear ao sacerdote polas súas nove décadas de vida.

A iniciativa pretende recopilar todo o material existente sobre este Fillo Predilecto de Paradela. A entidade leva "dous anos" neste proxecto, un labor "complicado", pois Xesús Mato foi "moi prolífico", segundo explica o presidente de Egeria, Xulio Xiz. A páxina, engade, quere ser un "resumo" da vida do crego coa súa historia contada por él mesmo, ademais de recoller todos os seus traballos, desde artigos de prensa ata guións de radio. A iniciativa aínda está en creación, pois "nunca estará completa, sempre seguiremos introducindo cousas".

O proxecto naceu en paralelo ao libro Xesús Mato, 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz e editado polo Concello de Paradela con motivo do seu bicentenario. A publicación é unha "selección" da páxina web, sinala o presidente de Egeria.

Ademais da vida e obra do crego, a iniciativa recopila arredor dun cento de testemuñas dos seus amigos. Tal e como indica Xulio Xiz, estes artigos figuran en Mato sono io (Eu son o tolo), un libro coordinado por el mesmo e publicado pola asociación Xermolos. Saíu cando o sacerdote cumpriu 75 anos e conmemorábanse 50 da súa ordenación e 25 da súa chegada á Montaña lucense, onde levou varias parroquias.

A páxina recolle a biografía deste home que comezou a carreira sacerdotal no Seminario de Lugo en 1946 e xa en 1983 pasou a ser sacerdote en seis parroquias do Cebreiro, onde foi o principal recuperador da tradición dos "reises". Porén, antes estivo en Lalín, municipio no que a finais dos anos 50 foi fundador de Radio Popular e da Polifonía de Lalín.

Xesús Mato na súa primeira misa
Xesús Mato na súa primeira misa

O paradelense tamén destaca polo seu labor social e a principios dos 70 creou Auxilia Lugo.

A relación de Mato coa música xoga un papel principal no proxecto de Egeria. El puxo en marcha o espectáculo Galicia canta ao neno e cofundou o grupo Fuxan os Ventos. Esta formación ten os seus inicios no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. Segundo relata Xiz, o sacerdote buscou uns rapaces para unirse, entre os que estaban Mini e Mero. De aí naceu o grupo Folk 72, denominación que puxeron para un concurso das San Lucas de Mondoñedo. Ao certame foron coa canción Fuxan os ventos, composta polo propio Mato, coa que gañaron e despois pasaron a presentarse con ese mesmo nome.

O grupo Fuxan os Ventos. EP
O grupo Fuxan os Ventos. EP

O sacerdote tamén recopilou música popular galega e parte do seu traballo está na páxina web do Museo do Pobo Galego. Son un total de 52 temas recollidos por Mato entre 1972 e 1996. A unión do crego e a música non termina aí, pois foi, ademais, director do Orfeón Lucense.

Polo seu intenso labor, o cura foi agasallado con numerosas homenaxes que tamén están presentes na iniciativa, ao igual que fotografías, vídeos ou audios cos que seguir a prolífica carreira deste paradelense.

Comentarios