A nova ponte de Valdriz soporta con éxito a proba de carga con tres camións

Os traballos, que contemplan o ensanchamento da infraestrutura para que pase a ter máis de dez metros, están a piques de rematar
photo_camera Javier Arias supervisou os labores xunto a Piñeiro e Cubillas. EP

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda realizou onte con éxito as probas de carga na nova ponte de Valdriz, infraestrutura que está a ser ampliada na estrada autonómica LU-621 ao seu paso pola Pobra de San Xiao, capitalidade de Láncara.

Para estas probas empregáronse tres camións de 37 toneladas de peso cada un, que se situaron sobre a plataforma e permitiron comprobar a resistencia da ponte. Os traballos foron supervisados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen estivo acompañado do alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, e do voceiro do grupo municipal popular neste concello, Santiago Cubillas, ademais de técnicos de Ovisa, empresa adxudicataria das obras.

Segundo indicou Arias, a actuación neste punto está próxima a finalizar e conleva o ensanchamento da ponte, que pasará a ter máis de dez metros.

O conxunto das obras foi adxudicado en máis de 600.000 euros, aos que se sumaron outros 103.000

A súa ampliación forma parte dun proxecto que inclúe tamén a construción dunha rotonda para mellorar a circulación do tráfico na zona da urbanización de Valdriz, así como a creación unha senda peonil e ciclista na LU-621 de preto de medio quilómetro de lonxitude. Discorre por unha marxe da estrada entre este punto e a inicio das beirarrúas da Pobra.

O conxunto das obras foi adxudicado en máis de 600.000 euros, cantidade á que se sumaron outros 103.200 de investimento para proceder ao retranqueo e soterramento da liña de evacuación da central hidroeléctrica de Valdriz.

Comentarios