"Non é nada sinxelo facer rir á xente, o público é sempre moi diferente"

Tras o seu paso pola televisión galega,  Marta Doviro deciciu comezar no mundo da comedia fai un ano e medio. Agora participa, xunto a Ledicia Sola e Carmén Méndez, no monólogo conxunto 'Sen restricións'.
Marta Doviro. EP
photo_camera Marta Doviro. EP

A cómica santiaguesa Marta Doviro ofrece hoxe en Sarria, ás 21.30 horas, na praza da igrexa de Santa Mariña, o seu espectáculo de monólogos ‘Sen restricións’, xunto a Ledicia Sola e Carmen Méndez. A comedia está enmarcada dentro do ciclo de actuacións Ultreia et Suseia.

Como definiría o monólogo?

Somos tres cómicas que falamos do que queremos. A actuación consta dunhas partes nas que estamos as tres xuntas e facemos un repaso pola xira que levamos e sobre as grandes verdades de Galicia, como os ilustres galegos. Despois tamén hai momentos nos que falamos cada unha de nós soas sobre as nosas vivencias.

De que fala vostede en concreto?

No meu caso fago un anaquiño do meu espectáculo ‘Memorias dunha rapasa da costa’, onde falo de cousas de alí, da xente, do noso carácter e demais.

Por que o título ‘Sen Restricións’?

Porque falamos sen pelos na lingua, botámonos á piscina.

Como xurdiu este monólogo con Ledicia Sola e Carmen Méndez?

Tomando unhas ‘cañas’ e falando as tres, cada unha do espectáctulo que tiña de forma individual. Pensamos que poderiamos facelo de forma conxunta, xa que este non é un panorama no que as mulleres fosen moi visibles. Ademais, a vida do monologuista é solitaria, porque tes que viaxar e enfrontarte ao público ti soa, polo que pensamos que ir en compañía sempre resultaría máis agradable.

Despois de traballar como actriz e presentadora, que tal se atopa no mundo da comedia?

Cada vez máis cómoda. Ao principio sempre tes as túas dúbidas porque non é nada sinxelo facer rir á xente e cada público é sempre moi diferente, pois non é o mesmo actuar nun teatro que nun local de hostalaría. Pero despois de varias actuacións voume atopando máis acomodada, estou moi contenta.

Que ambiente espera en Sarria?

Agardo que sexa un público agarimoso e aberto, que nos espere coas mans abertas e veña moita xente con gañas de pasalo ben. Ademais, ao tratarse dun espectáculo ao aire libre e no verán, seguro que hai moitos visitantes que se achegan por alí.

Comentarios