O Muvicla intégrase na rede de museos de Galicia

Algunos de los tractores expuestos en Muvicla. PORTO

A Xunta recoñece como colección museográfica os fondos do centro de Láncara, especializado na evolución da cultura agraria galega

A Xunta de Galicia autorizou este mércores que se cualifiquen os fondos do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), situado en Láncara, como colección museográfica especializada na evolución da cultura agraria e a mecanización do agro en Galicia no século XX. Así as cousas, queda integrado na rede de centros museísticos de Galicia, en virtude da nova lei da materia.

O Goberno autonómico recoñece deste xeito o Muvicla como "unha iniciativa singular" que, "ademais de manter a faceta produtiva, ofrece unha opción cultural, de lecer e investigación que serve para concienciar sobre a importancia da
conservación do territorio e a paisaxe".

O recoñecemento chega despois da solicitude do impulsor do centro. A Xunta valorou o contido temático do Muvicla e os seus obxectivos, centrados en divulgar a evolución e o desenvolvemento da súa casa de labranza e, por extensión, da historia da mecanización da agricultura en Galicia. Tamén reflicte a transformación deste sector e ilustra os cambios producidos na sociedade rural galega desde mediados do século XX.

Segundo recorda a Xunta, o Muvicla iniciou a súa andaina como proxecto museístico na primeira década deste século coa adquisición e restauración das primeiras pezas de maquinaria clásica agrícola e a construción da ampliación da sede principal do centro, a antiga corte de gando, para a exposición dos tractores restaurados.

A casa de labranza e granxa agrícola coñecida como Casa Vázquez está no lugar de Trasliste. Con mais de 200 anos, mantén a actividade gandeira, cunha explotación de vacas rubias galegas de produción ecolóxica, e no sector da froita, con mazás tamén de produción ecolóxica, para a súa transformación en sidra.