O Muvicla analizará nunha xornada as alternativas ao uso do petróleo

O museo de Trasliste pretende ser tamén un centro de "reflexión" sobre o medio rural
Marcos Vázquez del museo Muvicla de Trasliste, en el ayuntamiento de Láncara. AEP
photo_camera Marcos Vázquez, nas instalacións do museo, en Trasliste. AEP

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla) de Trasliste (Láncara) organiza o vindeiro día 22 unha xornada sobre as alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas, na que participarán expertos como Antonio Turiel, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), ou Quico José Ónega, do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A celebración desta xornada ten como obxectivo "falar do rural dende si mesmo" e facer deste museo un "centro de reflexión e intercambio de ideas", segundo explica a seu director, Marcos Vázquez. Nesta mesma liña, o Muvicla xa organizou en maio un debate sobre glamur e medio rural.

"Queremos sensibilizar sobre o futuro da enerxía, que vai ser un factor limitante nas nosas vidas. Hai que pensar que non se pode ‘despilfarrar’ como viñamos facendo ata o de agora", apunta o organizador do evento, que ve necesario recoñecer o importante papel de agricultores e gandeiros.

Para falar sobre esas alternativas ao uso do petróleo, a xornada contará, ademais dos ponentes xa citados, co secretario xeral da Asociación Empresarial Small Scale Gas Natural, Manuel Lage; o enxeñeiro agrónomo de Durán Maquinaria, Santiago Sousa; o director xeral da Asociación Española de Bioetanol, José Ramón Freire; a enxeñeira agrónoma de Massey Ferguson Gema Flores; a xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias, e a xerente do GDR Montes e Vales, Fe Álvarez.

Os actos comezarán ás dez da mañá coa recepción de invitados por parte da presidenta da Asociación de Amigos do Muvicla, María José Bande, e rematará ás seis da tarde coa clausura a cargo do deputado provincial Pablo Rivera.

Incluirán unha visita ao museo e varias actuacións musicais da man de Marcos Vázquez, Brais Vázquez e Iván Martínez, director da Banda Filharmónica de Lugo.

A xornada conta coa colaboración, entre outros, do diario El Progreso, cuxo director comercial, José María Álvarez Vilabrille, moderará un coloquio ás 16.00 horas baixo o título Agricultura e alimentación, con que enerxía?.

Este evento, que recibe unha axuda económica de Terras do Miño, ten prazas limitadas polo é imprescindible unha reserva no correo electrónico [email protected]. Tamén é posible seguir as distintas conferencias a través de internet solicitando previamente o enlace de Zoom.

O encontro, no que Manuel Lage e Antonio Turiel participarán vía telemática, será gravado para a súa posterior difusión.

Comentarios