"A música é un recurso didáctico fundamental; cantamos en grego e en latín nas clases"

O coruñes Xurxo Souto é moi coñecido como músico e escritor, pero tamén exerce como profesor no instituto Gregorio Fernández da vila de Sarria. Nas súas clases a música está moi presente e aposta na ensinanza por poñer en valor os saberes da contorna, non só transmitir aos alumnos contidos do currículo.

Xurxo Souto, no instituto. EP
photo_camera Xurxo Souto, no instituto. EP

O polifacético artista Xurxo Souto é desde o pasado curso profesor no instituto Gregorio Fernández de Sarria, onde acerca aos alumnos as culturas clásicas. Compaxina a ensinanza coa música e a literatura. Precisamente nesta última faceta conmemora 20 anos. 

Como é a experiencia de mestre? 
Alucinante, marabillosa, non é un instituto, é un balneario. É un centro non demasiado grande e desde a dirección transmítese un ambiente de cordialidade e tranquilidade, dunha posición activa para a aprendizaxe, calquera proposta que fas todo é para adiante. Por exemplo, na miña didáctica inclúo moito a música e isto é música por todas partes. 

Que asignaturas imparte? 
Latín e Grego, o ano pasado tiven a sorte de ter alumnos de grego, este non desgraciadamente. Fago unha proclama a prol da cultura e linguas clásicas, é moi importante que nos centros pequenos exista esa igualdade de oportunidades e que os alumnos poidan acceder a esta. O ano pasado cantamos en grego. Está o rebético-galego, rebético é música grega dos anos 50 que pasamos ao galego en clase de grego. Este ano en latín tamén estamos cantando moito. 

A música é unha forma de facilitar a aprendizaxe para os rapaces? 
As linguas clásicas vense como algo demasiado abstracto e serio. Non se pode acceder ao latín e o grego se obvias a música. Tamén dou clase de Historia en primeiro e montamos a historia de Roma cantando. A música é un recurso didáctico fundamental. Como se pode explicar a literatura galega ou castelá sen música? Todo é música. O que ocorre é que na consideración social a música está nun nivel baixo, a non ser que sexa música moi erudita, considerámolo como algo frívolo, e non, é un elemento central do ensino. 

Sarria é o primeiro lugar onde dou clase todo un ano, é unha iniciación marabillosa, está deixando impronta

Latín e grego atraen aos rapaces? 
Moito, aínda que son marxinados constantemente nos plans de estudos. Din iso para que serve? Serve para ser unha persoa culta e ter unha visión crítica da realidade. Cando acceden a latín e grego abres unha ventá para acceder a todo o pasado. Hai unha visión do ensino moi practicista, para iso están os cursiños, pero hai unha formación máis profunda, ese dereito que teñen que ter os rapaces de saber de onde vimos para saber cara a onde imos, iso tenllo que ofertar o ensino público. O latín é unha porta de coñecemento de nós mesmos e máis nesta contorna. Para que serve? Para todo. En Sarria cal é o gran elemento económico? O Camiño. Oxalá toda a hostalaría de Sarria soubese cantar algunha peza do Códice Calixtino en latín, fago este chamamento aos hostaleiros, estamos dispostos a dar pasantías (ri). 

Tamén crearon un coro. 
Un profesor, que é un dinamizador cultural desde hai 30 anos, Eduardo Rey, propuxo facelo. É o Coro da Ribela porque o instituto está na Ribela, entramos profesoras e profesores e cantamos clásicos populares pero tamén alta poesía de Manuel María e agora estamos musicando a Fiz Vergara. A gran revolución musical foi para min o ano pasado. Un alumno dominicano, Miguel Guzmán, dixo que non ao galego e pedinlle que non se declarara insubmiso pola vía do suspenso, que fixera un merengue en galego. Foi espectacular, a Sarriamericana, e a profesora de ximnasia fixo unha coreografía. 

Comentou que están musicando a Fiz Vergara, trátase de achegar o máis próximo ao alumnado? 
Os centros de ensino non só transmiten contidos do currículo, senón que poñen en valor os saberes da nosa contorna. Temos que coñecer a contorna. Por exemplo, fomos coñecer ao luthier Xermán Arias, que foi encontrarnos co medievo, e veu a regueifeira Lupe Blanco, plantou lume e temos dous rapaces que van ser os novos regueifeiros. Hai unha tradición pola zona do Incio e da Pobra do Brollón dos brindos, tamén as loias. Estamos recuperando unha tradición moi antiga e poñéndoa en valor. Unha alumna fi xo toda a historia de Roma en regueifa. Isto cambia tamén a didáctica dalgunha forma. Dixen que o instituto é un balneario, minto, é unha fábrica de talento. 

Ao empezar de profesor os alumnos recoñecérono como músico e escritor? 
Para nada, e iso é moi bonito. A época dos Diplomáticos foi hai 20 anos, eles non saben absolutamente nada. Cando ven un vídeo din como cambiaches. 

Desde cando imparte clases? 
Estudiei Filoloxía Clásica, nunca tiven vocación docente, adiqueime á música, literatura, radio e televisión. Co covid foi un golpe tremendo. Cando parei de traballar na Radio Galega presentárame a unhas oposicións e chamáranme para facer algunha substitución. Sarria é o primeiro lugar onde dou clase todo un ano, é unha iniciación marabillosa, está deixando impronta e dar con xente tan encantadora. Con 20 anos probablemente non fora un bo mestre, agora teño algo de experiencia, algo que compartir e é moi lindo.

Comentarios