O mundo espiritual de Samos inspira a última novela de Neira Pampín

O escritor e urólogo presentou a obra, 'Te escribiré una carta al atardecer', na sociedade La Unión de Sarria
Presentación de un libro en Sarria de Francisco Javier Neira Pampín. PORTO
photo_camera Xulio Xiz, Francisco Javier Neira e Paco Nieto, na presentación. PORTO

O escritor e urólogo Francisco Javier Neira Pampín presentou este martes na sociedade cultural e recreativa La Unión de Sarria a súa novela ‘Te escribiré una carta al atardecer’, a cal ambientou en Samos e no seu mosteiro. Elixiu este lugar porque cando o coñeceu "chamoume a atención" e sentiuse atraído polo seu "mundo espiritual", polo que apostou por convertelos no "centro da obra".

O libro está protagonizado por tres personaxes que coinciden no Camiño de Santiago, aínda que a ruta xacobea é un espazo "secundario" no texto. "A idea non era facer unha novela sobre o Camiño, xa está todo escrito sobre el", aclarou o autor antes da presentación en Sarria, que foi a primeira que realizou de ‘Te escribiré una carta al atardecer’. No acto estivo acompañado polos xornalistas Paco Nieto (escritor do prólogo da novela) e Xulio Xiz.

Segundo explica, a obra relata como os tres protagonistas escapan dunha situación moi difícil das súas vidas, encóntranse no Camiño e teñen unha característica en común, que escriben cartas ao atardecer, pero descoñéceno. O autor destaca como van cambiando esas misivas segundo avanza a novela, primeiro son "moi fortes, moi demoledoras", e ao final moito "máis limpas, máis tranquilizadoras e de aceptación da vida".

Están acompañados dun can, que "aglutina a vida dos tres personaxes". Este animal era un elemento co que o autor "non contaba" e que acaba tendo "unha incidencia capital". "A propia cadencia da obra vaite levando, non pensaba que aparecera un can. Creo que a novela non ten sentido sen el", indica.

Os tres camiñantes contan coa axuda principalmente dun dos monxes do mosteiro e tamén da xente de Samos. Para ambientar a obra na abadía informouse sobre a historia dos beneditinos, o seu tipo de vida, horarios..., aínda que falando cun monxe descubriu que a realidade é outra, di.

Para Francisco Javier Neira Pampín é especial que a primeira presentación de ‘Te escribiré una carta al atardecer’ sexa en Sarria por estar ambientada na zona e o acto xurdiu por dito monxe e polo médico e concelleiro Benjamín Escontrela. O escritor mostroulle o seu agradecemento a este, así como a Paco Nieto, Xulio Xiz e á sociedade La Unión por facer posible esta presentación.