sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

As mulleres que fixeron de Lousada un lar

Inés de la Fuente, Saladina Villarabid e Josefa Gómez, xunto ao párraco Miguel Gómez. VILA
Inés de la Fuente, Saladina Villarabid e Josefa Gómez, xunto ao párraco Miguel Gómez. VILA
A comunidade de franciscanas misioneiras de Samos pecha tras 27 anos de importante labor social coas persoas maiores do rural ► Foron pioneiras na axuda a domicilio, acolleron a enfermos ou anciáns que estaban sós e traballaron tamén cos máis novos

Chegaron a San Román de Lousada (Samos) no 1994 para axudar aos maiores da zona rural. Abriron as súas portas a todos os veciños do municipio, foron pioneiras da axuda no fogar, atenderon unha casa de acollida e fixeron da súa un lar ao servizo de mozos a anciáns. Tras 27 anos de labor social, as tres relixiosas que forman a comunidade de franciscanas misioneiras de Samos despídense por motivos de saúde e falta de novas vocacións. Rematan esta etapa con pena polo que deixan atrás, pero coa satisfacción polo traballo feito e o aprecio que se gañaron.

O "culpable" da súa implantación en Samos foi o sacerdote Miguel Gómez, quen sempre tivo a vista posta no rural e nas necesidades dos maiores. Unha vez creada a fundación O Noso Lar, presentou o seu proxecto a todas as congregacións relixiosas de Galicia nun encontro en Poio no 1992 en busca de colaboración. As Franciscanas Misioneras de la Madre del Divino Pastor interésanse pola iniciativa e, logo dun intenso debate interno, tomaron a decisión de abrir alí unha comunidade.

Saladina Villarabid, Inés de la Fuente e Adela Arias foron as tres fundadoras, o 12 de xaneiro de 1994. Asentáronse na casa reitoral que fora restaurada pola fundación en Lousada, onde tiña a súa sede. Comezaba así unha "misión compartida": axudar aos maiores do rural cunha perspectiva "integradora" e dende as dimensións "asistencial, cultural e pastoral".

Saladina -profesora e asistenta social, natural de Antas- non dubidou en dar este paso. "Viñen con ilusión porque me gustou o proxecto e tiven a posibilidade de dar clase no colexio", explica. Inés -de Atienza (Guadalajara)- pediu un ano de proba en Samos, pero non tardou en decidir quedar, vivindo unha experiencia "enriquecedora" que compatibilizou co traballo como auxiliar de clínica na antiga residencia de Lugo.

Ambas seguen formando esta comunidade, xunto con Josefa Gómez, unha profesora de Laza que se incorporou hai 19 anos e que pón o acento na "interxeneracionalidade" deste labor social.

As franciscanas de Samos foron recibidas cos brazos abertos. Visitaron aos veciños nas súas casas e puxeron en marcha un servizo de axuda a domicilio para os maiores que serviu, ademais, para detectar aqueles casos máis necesitados.

O seu fogar funcionou como vivenda de acollida temporal para persoas enfermas, que precisaban coidados tras unha operación ou que se atopaban soas. Ofrecíanlles "un trato familiar" e unha saída de futuro, buscándolles unha residencia ou outro modo de vida.

Tamén traballaron moito cos mozos, con campamentos durante 25 anos ou cursos de monitor de tempo libre. Nas datas previas ao Entroido, a sede de Lousada convertíanse nun obradoiro de disfraces e carrozas, chegando a formar parte ata cen persoas das comparsas do Noso Lar e colleitando premios nos desfiles de Sarria.

Estes 27 anos deixaron moitos recordos, como as ceas de Nadal "con vinte e tantas persoas" para que ninguén estivese só, ou o día do terremoto do 1997, no que as monxas e outros veciños se xuntaron fóra "morrendo de medo".

Como xa sucedera no 2018 coas relixiosas da Asunción de Sarria, a saúde e a falta de relevo vocacional motiva o peche desta comunidade. Con el remata tamén a presenza das franciscanas misioneiras na diocese, onde tiveron casa en Lugo, Vilalba e Muimenta.

En Samos dispensaron "acollida, confianza e desafogo". Foron "a columna vertebral e os brazos abertos da fundación", destaca Miguel Gómez, quen agradece "a súa entrega e esforzo".

En cuestión de días, Inés instalarase en Madrid, e Saladina e Josefa en Santiago. San Román non pecha. Segue sendo a sede da fundación e mantén as comidas de Nadal para persoas soas. Iso si, queda o "baleiro" de quen tivo unha "presenza significativa".

Casa de acollida Ata nove prazas

A sede da fundación O Noso Lar funcionou como casa de acollida atendida polas tres relixiosas (na imaxe, Saladina Villarabid) e con nove prazas para persoas con necesidades.

Xuventude Campamentos e cursos

As relixiosas franciscanas (Josefa Gómez na foto) tamén se implicaron coa xuventude na celebración de campamentos de verán, preparando o Entroido ou organizando cursos.

Convivencias Ocio para os maiores

A casa de Lousada acolleu multitude de encontros de convivencia, ofrecendo así unha alternativa de ocio (Inés de la Fuente, á esquerda) para os maiores nos longos días de inverno.

"Todo o que aquí compartimos nunca morrerá"
As monxas de Lousada comunicáronlles a súa marcha aos veciños o pasado sábado, nun día moi emotivo para elas e para o resto da parroquia. "Queremos deixar claro que o que aquí vivimos, compartimos e construímos entre todos nunca morrerá", escribiu Josefa Gómez, nun sentido texto de despedida, no que non ocultou que se trata dun momento "moi duro", pero que aceptan con "paz". A terra prometida Lembrou tamén a súa chegada a Samos, cando foron chamadas a unha "terra prometida" na que botaron raíces. O que alí viviron, dixo, permanecerá nestas relixiosas «máis alá da eternidade".

As mulleres que fixeron de Lousada un lar
Comentarios