jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Olga Iglesias: "Unha muller pensa moito máis que un home se dar o salto á política"

Olga Iglesias, xunto ao río Oribio, en Triacastela. VILA
Olga Iglesias, xunto ao río Oribio, en Triacastela. VILA
Sendo pequena viu como seus pais se implicaban na vida política de Triacastela e dende hai nove anos goberna este concello co desexo de sacarlle o máximo potencial a unhas terras "bendicidas pola xeoloxía"

DOUTORA EN Veterinaria e alcaldesa de Triacastela dende 2011, Olga Iglesias compaxina o Concello coa xefatura territorial do Medio Rural e asegura que lle gustaría ser lembrada como una veciña que se preocupou polo pobo.

Tanto seu pai coma súa nai formaron parte da corporación municipal de Triacastela. Lévase no sangue o gusto pola política?

Non sei se no sangue, pero se dende pequena ves a teus pais que se implican moito na vida social e política dun pobo, que queren facer cousas polo pobo, iso necesariamente ten que influír.

Deputada no Congreso, xefa territorial do Medio Rural, alcaldesa... Con cal destas facetas se queda?

Quédome coa de alcaldesa, pero síntome moi honrada con todas as responsabilidades que me foron outorgando en política. A de alcaldesa é a que máis depende de ti, a que máis che recoñecen os teus veciños e onde ves que o labor perdura. Tamén teño que dicir que ser deputada no Congreso outórgache unha visión moi distinta e tiven a oportunidade de acceder a unha forma de política que a maior parte da xente non ten. Esa é unha experiencia importantísima.

Na súa etapa no Congreso foi a primeira deputada que votou telematicamente cando estaba embarazada. Cre que aínda queda camiño por percorrer en conciliación?

Si, sobre todo no que é o ámbito da política. Unha muller, cando lle ofrecen dar o salto á política, pensa dúas, tres, catro ou cinco veces máis en dar ese salto que un home. Eu non creo nos discursos vitimistas, pero si que queda camiño por percorrer. A sociedade ten que ver como algo normal que a muller acceda a postos de responsabilidade, sexa en política, empresa ou administración.

Quero que Triacastela teña no inverno polo menos a metade de vida que no verán e niso Cova Eirós pode ser importante

Sentiu discriminación nalgunha ocasión por cuestión de xénero?

Non, pero teño que dicir que o meu discurso é positivo. Non é fácil pararme nin arredarme. Ao mellor non falo moito pero sigo o meu camiño, o que eu creo que é correcto. Se vira algunha discriminación nin me acordo nin a permitiría tampouco.

Como é un día normal da súa vida?

Esperto entre as cinco e as seis da mañá, necesito ese espazo para min, tomo dous cafés e son unha gran lectora de prensa dixital. Ás oito, cando se levantan os pequenos, procuro estar con eles antes de ir ao traballo tanto na xefatura territorial como no Concello. Sei cando saio da casa pero non cando volvo. Levabamos case dous anos sen pode ir a ningún lado agás á praia debido a eleccións ou traballo, e fomos a Santander na ponte de Santos. Disfruteino moito.

Triacastela ten, segundo o último padrón, 641 habitantes. Cre que hai algún que non coñeza?

Penso que non, que os coñezo a todos e ás súas familias tamén.

Malia ser un concello pequeno ten grandes potenciais coma Cova Eirós. Cantas veces dá grazas por contar con esta marabilla?

Pois teño que dar grazas por existir Cova Eirós, por terse conservado como se conservou e por todos os achados que hai aí. Sempre digo que Triacastela está bendicida pola xeoloxía e esa caliza tamén colaborou na construción da catedral de Santiago. Espero que Cova Eirós cos proxectos que temos de centro de interpretación siga situándonos no mapa e sexa un atractivo a maiores para o noso concello.

Co tempo vas vendo que as cousas hai que relativizalas porque se non o día a día cómete. Aprendes a controlarte

O Camiño é outro dos sinais de identidade de Triacastela. Como se preparan para o Xacobeo?

Dada a proliferación de camiños e rutas alternativas que están a saír temos que situarnos como un destino principal; conseguir que a xente pase por Triacastela, que non quede nos últimos 100 quilómetros, e que non só pase senón que pernocte aquí. Para iso creo que posicionarnos en redes é fundamental e movernos nos foros onde se moven os peregrinos. E logo demandando melloras e velando para que estea o Camiño en boas condicións. Prepararnos para ser sitio de paso e de parada.

Como desexaría ver o seu concello a medio prazo?

Gustaríame que Triacastela tivese no inverno polo menos a metade da vida que ten no verán. Para iso non só dependemos do peregrino, temos que chamar outro tipo de turismo e niso o centro de interpretación de Cova Eirós pode ser moi importante. Tamén me gustaría ter solo industrial para que se monten pequenas empresas da contorna e que a xente quede aquí e nos axude a subir ese censo de 641 habitantes que nos fai moita falta. Gustaríame que houbese máis nenos no colexio, que isto teña vida e que se aproveiten outros recursos como os soutos.

En que lle cambiou a vida a actividade política?

Creo que relativizo máis as cousas, doulle máis importancia ao realmente importante porque se non estaría todo o día preocupada. Sempre estás máis exposto ao público, tes menos tempo libre para ti e para a túa familia. Co tempo vas vendo que as cousas hai que relativizalas porque se non o día a día cómete. Aprendes a frearte e a controlarte que é importante.

Como lle gustaría ser recordada polos veciños cando xa non estea en política?

Como unha veciña que se preocupou polo pobo e que conseguiu algo por el. Tampouco nada máis.

"Recomendaría calquera artigo de David Gistau"
Que lle gusta facer no seu tempo de ocio?
Ir ao cine, viaxar e ler.
Que libro ou película recomendaría?
Calquera dos artigos de David Gistau. Cando era deputada recordo velo na sesión de control. Ao día seguinte encantábame ler a súa crónica. Foi unha triste perda como persoa e periodista.
Unha viaxe soñada.
Fun a Nova York hai moitos anos, antes de casar, e gustaríame volver co meu marido e meus fillos.
Con que sitio do concello de Triacastela se quedaría?
Co monte Oribio.
Dende que está na alcaldía, cal foi o momento máis difícil?
O peche da canteira foi un momento duro.
E o máis divertido?
Moitos. Pásoo moi ben cando vén xente aquí, as visitas, os pregoeiros das festas...
Para desconectar non hai nada mellor que...
Conseguir non pensar en nada, dá igual onde (ri).
Que político elixiría que non sexa do seu partido?
Nunca pensei que diría isto pero, dado os tempos que corren e vendo como está o panorama do lado do PSOE, elixiría a Felipe González ou Alfonso Guerra.
Se non fose alcaldesa nin veterinaria, adicaríase a...
Organizar eventos nun enclave rural. É unha espiña que teño.

Olga Iglesias: "Unha muller pensa moito máis que un home se dar o...
Comentarios