A Muiñeira celebra do 15 ó 19 as xornadas micolóxicas de Sarria

Contarán con dúas saídas ao campo para identificar cogomelos, unha conferencia e unha exposición na casa da cultura
Exposición de cogomelos. AEP
photo_camera Exposición de cogomelos. AEP

A asociación micolóxica A Muiñeira de Sarria celebrará entre os vindeiros días 15 e 19 as súas xornadas adicadas aos cogomelos, que vén organizando dende hai 24 anos e que incluirán unha charla, unha exposición e dúas saídas ao campo.

As xornadas comezarán o 15, ás oito da tarde na casa da cultura de Sarria, cunha conferencia sobre iniciación á micoloxía impartida pola enxeñeira forestal e de medio ambiente Jennifer López Rodríguez. A charla, ao igual que o resto de actividades, está aberta a todas as persoas que desexen coñecer máis sobre o mundo dos fungos.

O día 16 terá lugar a primeira das saídas ao monte para identificar cogomelos en carballeiras e soutos, baixo a dirección dos expertos José Folgueiras e Miguel Raposo. O punto de encontro será o bar Tino das Insuas, ás dez da mañá, onde deberán presentarse os interesados para iniciar un desprazamento pola contorna en coches particulares.

Ao día seguinte, á mesma hora e no mesmo lugar, comezará a segunda das saídas, esta vez para identificar cogomelos en piñeirais coa colaboración do presidente da asociación Os Bolouros de Foz, Jesús Blanco.

Durante a xornada do 17, en horario de tarde, farase tamén a montaxe da exposición micolóxica, que cada ano organiza este colectivo presidido por José Recimil. Será na casa da cultura de Sarria e permanecerá aberta durante os días 18 e 19 para poder ser visitada por centros escolares e veciños en xeral. Para máis información A Muiñeira facilita o número 669 896 794.

Comentarios