Unha mostra pon en valor en Triacastela a vestimenta festiva da muller de aldea

Nove traxes amósanse ata o día 30 na exposición, que arrinca nesta localidade un novo percorrido que a levará pola provincia de Lugo
undefined
photo_camera Asistentes á presentación da exposición en Triacastela. EP

A mostra O traxe festivo da muller aldeá, nas terras de Lugo abriu este luns as súas portas en Triacastela para poñer en valor estas vestimentas. Organizada por El Progreso e Traxandaina, a exposición inicia nesta localidade do Camiño Francés un novo percorrido que a levará por distintos puntos da provincia lucense.

undefined
Teresa Astorgano amosa un mandil. L. PORTO

A mostra pódese ver, coa colaboración do Concello, na casa consistorial, na oficina de turismo, ata o próximo día 30. Está aberta de luns a venres, de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas, mentres que o sábado e o día 25, festivo, só en horario de mañá. Posteriormente a exposición estará en Palas, Abadín, Quiroga e Begonte.

A exhibición, promovida no marco do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, arrincou este luns cunha presentación coa asistencia do tenente de alcaldesa Bautista Arias Pombo; o director comercial de El Progreso, José María Álvarez Vilabrille; Teresa Astorgano, fundadora de Traxandaina xunto a Antón Sanjurjo; persoal do Concello e veciños.

Astorgano fixo un pequeno repaso pola mostra, na que se poden ver nove traxes que vestían as mulleres "o día da feira, o domingo para ir a misa ou para casar". "Son os mellores traxes dunha muller aldeá. É o traxe aldeá de garda, chegan ata hoxe porque os gardaban, non era algo que puxeran de cote", aclarou.

Entre as pezas que se exhiben figuran tamén dúas do propio municipio de Triacastela. Son dous xustillos, que pertencen á mesma familia.

Un dos traxes é de voda dunha muller "rica, de casa moi forte".Estes eran negros e non comezaron a ser brancos ata que a raíña Victoria de Inglaterra casou desta cor. Outra das vestimentas que chama a atención dos visitantes da exposición é o capelo, feito de palla de trigo e centeo para cubrir a cabeza e os ombreiros.

Pezas lucenses. Teresa Astorgano destaca a importancia da lenza e o mandil de mostra, pezas que definen a vestimenta aldeá da provincia de Lugo. A primera cubría as saias e levaba un zócolo azul. Esta peza determinaba, ademais, o status social da súa portadora. As máis elaboradas pertencían a mulleres ricas.

A lenza aparece principalmente na provincia, pero desde Traxandaina tamén teñen documentadas algunhas na zona noroccidental de Asturias e na Coruña. O mandil de mostra tampouco se encontra en toda Galicia. Era usado para o traballo ou de "lucimento, para ir a misa ou de visita", indica.

A responsable de Traxandaina recalca que a exposición O traxe festivo da muller aldeá, nas terras de Lugo serve para localizar novas pezas. "As vilas grandes deixaron antes estas formas de vestir, pero nas aldeas tardaron máis tempo. Moitas das pezas vestíronse na zona e a xente pode recoñecelas", sinala. Proba diso foi que este luns durante a presentación da mostra os veciños falaron dalgunhas que se conservan nas súas vivendas, como un pano de cen cores, colchas, unha chaqueta de pel de toupo ou pezas utilizadas para preparar o liño ou a la.

Comentarios