Unha mostra no Malecón lembrará a Matías López

A figura do chocolateiro sarriao centrará unha charla o xoves
Publicidade dos chocolates. EP
photo_camera Publicidade dos chocolates. EP

 A figura do ilustre chocolateiro de Sarria Matías López será lembrada mediante unha exposición exterior que poderá verse dende o 28 de xullo, ás sete da tarde, no paseo do Malecón.

Ese mesmo día, ás 20.30 horas, o hotel Alfonso IX acollerá unha conferencia sobre este destacado empresario e filántropo do século XIX. Será impartida polo doutor en Historia Gregorio Sánchez Meco, autor do libro Cuando El Escorial olía a chocolate, no que repasa a traxectoria da fábrica que Matías López tivo nesta localidade.

A charla, que leva por título Huellas de una vida, estará presentada por Xaime Félix López Arias, investigador do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco. Será de entrada libre.

Esta exposición servirá para que as novas xeracións saiban quen foi Matías López e porque unha rúa de Sarria leva o seu nome

O Concello de Sarria, organizador dos actos, pretende que esta exposición "sirva non só de merecida homenaxe e recoñecemento a Matías López, senón tamén para que as novas xeracións saiban quen foi e por que en Sarria hai unha rúa que leva seu nome".

Empresario modélico, este vecino foi pioneiro na publicidade moderna en España e na implantación de medidas sociais nas súas fábricas, tales como un seguro de enfermidade, un sistema de pensións como axuda á xubilación ou educación gratuíta para os fillos dos seus obreiros ata os 14 anos.

O famoso deseño sobre os gordos e os fracos, encargado por Matías López ao ilustrador Francisco Javier Ortego y Vereda, está considerado o primeiro cartel publicitario da historia de España.

O deseño sobre os gordos e os fracos, encargado por Matías López, está considerado o primeiro cartel publicitario da historia de España

A súa empresa chegou a elaborar 13.600 quilos diarios de chocolate e, ao falecemento do seu creador, no 1891, na fábrica de El Escorial traballaban 500 persoas.

Matías López, que tamén exerceu de deputado e senador, non esqueceu nunca as súas raíces e foi un dos grandes benefactores de Sarria. Con cargo ao seu patrimonio, construíuse o edificio das escolas públicas (hoxe casa da cultura), segundo proxecto redactado por Luis Bellido e cun orzamento de contrata de 85.871 pesetas.

Comentarios