viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

"Miña nai reivindicou as súas orixes e mantivo o vencello e a esencia"

Darío Gil Arias. VILA
Darío Gil Arias. VILA
Darío Gil Arias, fillo de Xela Arias, recibe con "orgullo" todas as homenaxes arredor da figura dunha muller que deixou patenteo o seu compromiso na escrita e no ámbito social

Quizais influenciado por todo o que viviu dende neno, Darío Gil, o fillo de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) orienta a súa actividade laboral cara á docencia e aplica no seu día a día unha das ensinanzas que lle deixou súa nai, ser "consecuente" como ela o foi.

"Transgresora, rupturista, vangardista, sincera e comprometida". Son algúns dos cualificativos aplicados á obra de Xela Arias. Está de acordo ou engadiría algún outro?
Non teño unha formación específica en aspectos literarios, pero a pouco que coñezas a súa obra penso que é algo moi recoñecible a sinceridade e o compromiso. E, ademais, non só quedou na obra senón que tamén o levou ao ámbito social. Botando unha ollada, por exemplo, a Tigres coma cabalos, ese diálogo entre dúas artes ao mesmo nivel (poesía e fotografía), sen subordinación, tamén entendo que pode ser rupturista.

Fala do compromiso social de Xela Arias, que se manifestou, por exemplo, no seu feminismo...
Si, ela tamén tiña un activismo ambiental. Loitaba sempre polas cousas que consideraba xustas, aló onde vía un desequilibrio de forzas que facía que parte ou un colectivo estivese dominado. Entendeu que polo mero feito de estar no mundo tiña que ser feminista, tiña que ser ecoloxista... todo ese tipo de causas eran consecuencia do compromiso e a honestidade da súa forma de ver o mundo.

Darío a diario foi definido polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, como un dos libros máis fermosos da literatura galega. Que supón para vostede como protagonista da obra?
É imposible ser obxectivo. Si que é certo que cando o leo dáme sensación de tenrura, de falar dende a máis absoluta sinceridade. Que sexa recoñecido no ámbito cultural tamén é un respaldo. Está consensuado que ten esa forma de falar do tema da maternidade dende un prisma un pouco diferente, dando sempre esa liberdade, esa autonomía, esa identidade.

Á marxe da súa faceta como poeta, tradutora ou mestra, como lembra a súa nai na intimidade?
Mantiña a honestidade e unha forma de vida consecuente. Sempre había un clima aberto, unhas afeccións e un interese permanente polo eido cultural que para un neno ás veces é complexo, pero fixo que eu non o vise estraño. Acompañábaa moito e fixo que me relacionase co eido cultural dende moi novo e con moitas ganas.

"Estamos abraiados e moi, moi agradecidos co feito de que reciba o seu nome a escola infantil e unha rúa de Sarria"

En que diría que máis o influíu?
A min inculcoume esa necesidade de buscar unha lóxica nas miñas accións, nos meus pensamentos e nos meus actos, intentar ser consecuente no día a día coa idea que podo ter eu do mundo.

E en que medida cre que Xela Arias resultou influenciada pola figura de seu pai, Valentín Arias, quen tamén foi escritor e tradutor?
Naquel tempo era moi complexo todo para unha muller. Se ela non tivera interese nunca sería quen foi, pero o feito de ter a meu avó Valentín nun círculo cultural tan privilexiado deu a posibilidade de desenvolver todo o seu potencial e o seu interese pola cultura. Púxolle a porta diante e ela quixo abrila. Precísanse un pouco as dúas cousas, ter os medios e despois ter a capacidade. A relación con seu pai, meu avó, deulle a oportunidade e ela foi quen de facela súa.

Dende nena sentiuse identificada co rural e coa defensa da lingua galega. Ademais do ámbito familiar, puido ter contribuído tamén a súa etapa na Granxa de Barreiros?
Penso que si. Ao virse cara a Vigo quere vencellarse coas orixes, reivindicalas, non esquecelas, manter o contacto e a esencia que te fai un pouco diferente nunha cidade. Penso que ese feito de vir para aquí fixo que lle dera máis importancia a ser do rural e non ter ese ás veces pequeno autoodio.

Que papel xogaba Sarria na vida de Xela Arias?
Tiñamos a sorte familiar de que ela e os irmáns estaban todos en Vigo. Pero quedou xente en Sarria, padriños, tíos... Eu lembro ter sempre unha ollada posta en Sarria porque, ao final, era volver á orixe, de onde era ela.

Como recibiron as noticias que agora, no seu concello natal, levará o nome de súa nai unha rúa e a Escola de Educación Infantil?
O feito de que saíse dende o Concello e da propia escola, que foran eles os que quixeran poñerlle o nome, é para todos nós un orgullo tremendo. Neste anos, dende que ela faleceu, sempre estivemos moito pola súa lembranza e isto é un paso máis moi importante. É algo co que quedamos abraiados e moi, moi agradecidos.

"Ela tamén tiña un activismo ambiental. Loitaba sempre polas cousas que consideraba xustas"

Como cre que recibiría Xela todas estas homenaxes?
Creo que por un lado compartiría todos os sentimentos que estamos tendo toda a familia de ilusión, de orgullo... Por outro lado quizais o vira cun pouco de escepticismo, porque ela non mitificaba o traballo cultural. Sería unha mestura entre estar abraiada, orgullosa e ese punto de "bueno, tampouco era para tanto".

O acto central do Día das Letras Galega será en Vigo. Como valoran esta decisión?
Gústanos que sexan tanto Sarria como Vigo os lugares que marquen un pouco ese día. Ela naceu en Sarria, sempre se considerou unha sarriá máis, e Vigo é o contexto social que moldea a súa personalidade, que fai que sexa como é na forma de escribir e crear. Todo ese Vigo dos 80, principios dos 90 condiciona a súa ollada do mundo, a súa forma de pensar, de ver e de relacionarse. Creo que non se podería entender toda a produción literaria de miña nai se non fora pola influencia do Vigo de entón.

Como definiría a aportación de súa nai á literatura galega?
Prefiro ser prudente. O que podo dicir é reivindicar o carácter transgresor e innovador da súa obra. Dende o descoñecemento e a humildade, a familia entendemos que se xa se valorou como correspondía polas institucións competentes e estamos moi contentos.

"Miña nai reivindicou as súas orixes e mantivo o vencello e a esencia"
Comentarios