sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

A Milla Urbana repartirá 2.500 euros e recadará fondos para a Cruz Vermella

Participantes nunha edición anterior da Milla Urbana de Sarria. AEP
Participantes nunha edición anterior da Milla Urbana de Sarria. AEP
A carreira de Sarria, que este ano será virtual, mantén aberto o prazo de inscrición ata este xoves incluído

A Milla Urbana de Sarria, que este ano será virtual para evitar aglomeracións por causa do covid-19, repartirá 2.500 euros en premios entre os deportistas e permitirá recadar fondos para a asemblea local da Cruz Vermella.

Nesta carreira poderán participar todas as persoas que se anoten ata este xoves na páxina www.sarriacorre.com. A inscrición terá un custo de 1 euro e o importe que se reúna será doado á Cruz Vermella da vila para colaborar coa súa actividade solidaria.

Os deportistas poden realizar a carreira libremente entre os días 14 e 31, ambos incluídos, a calquera hora. O percorrido é de 1.600 metros, con saída do cuartel da Garda Civil e meta no campo de fútbol de Ribela, seguindo un traxecto que se pode ver na páxina web oficial da carreira.

Cada corredor rexistrará o tempo mediante cronómetro, aplicación de teléfono móbil, gps ou calquera outro dispositivo que utilice habitualmente, e subirá a marca á web.

Os premiados serán elixidos por sorteo entre todos os participantes que completen o percorrido. Deste sorteo encargarase unha empresa, que tamén será a que transfira directamente á Cruz Vermella o importe recadado.

A área de deportes, que dirixe Félix Seijas, destinará á Milla Urbana 2.500 euros, repartidos en 25 premios de 100 euros cada un. Pagaranse mediante presentación no rexistro do Concello de factura a nome do gañador ou gañadora expedida por calquera comercio ou negocio de hostalaría de Sarria cun importe igual ou superior ao do premio.

Segundo as bases,  poderase elixir calquera establecemento aberto ao público, sempre que estea dentro do límite municipal de Sarria e quedando excluídas as grandes superficies ou supermercados xestionados por cadeas.

A Milla Urbana repartirá 2.500 euros e recadará fondos para a Cruz...
Comentarios