Milagros Núñez: "Satisfainos que haxa unha canteira tremenda en Peleriños"

Con 250 socios e 83 compoñentes nas escolas de música e baile, a asociación cultural Peleriños, presidida por Milagros Núñez, cumpre 25 anos de labor en Sarria.
Milagros Núñez, presidenta de la asociación cultural Peleriños de Sarria
photo_camera Milagros Núñez, presidenta da asociación cultural Peleriños de Sarria. AEP

No ano 1996 Pura García Hevia fundou a asociación cultural Peleriños, que toma o seu nome do carácter xacobeo de Sarria. Vintecinco anos despois, e tras unha longa traxectoria na que houbo viaxes de intercambio a Polonia, Praga, Francia ou Portugal, a presidenta, Milagros Núñez, non oculta que se sente "moi orgullosa" deste colectivo, de todos aqueles que o forman e da súa fundadora.

Agora que se cumpren as vodas de prata da creación de Peleriños, que recordos garda daqueles inicios?
Moitos e bos todos. Pura García, agora presidenta honorífica, é a alma do grupo, foi quen tirou por el. Peleriños é Pura, a peza clave. Daquela ensaiabamos en calquera sitio ata que ela conseguiu que o Concello nos deixara o Breogáns e aí seguimos. Gustaríanos ter un local cando se faga o da Feculera.

En todos estes anos fixeron múltiples actividades, dende xuntanzas de música e baile tradicional ata cursos ou viaxes. Hai algún evento que lembren con especial cariño?

Especial foi o que fixemos polos 20 anos, que xuntamos aos antigos membros, iso foi marabilloso. Outro evento que recordamos con moito agarimo foi unha homenaxe sorpresa a Pura, con moitísima xente, que estivo en secreto ata ese mesmo día. Son alegrías, sobre todo cando ves unha canteira infantil tremenda. O que máis nos satisfai é que haxa unha canteira e un cadro de profesores marabilloso, todo xente profesional do baile tradicional e da música. Iso é moi enriquecedor, porque a xente fórmase moi ben. Estamos nun momento marabilloso.

Tamén colaboran na organización de eventos como o concurso de cantos de taberna e teñen un fondo arraigamento na localidade.

Si, por exemplo, se había que ir bailar a algún sitio Peleriños sempre estivo aí. Ademais, sen ningún tipo de receo. Hai moita ilusión e á xente gústalle moito. É un grupo de rapaces que o pasan ben estando xuntos e aprendendo a música e o baile tradicional. Tamén é moi bonito que hai xente de todas as idades, dende un señor que tocaba a gaita cando era emigrante en Suiza e agora volveu retomalo a nenos pequeniños. E no baile o mesmo, dende que empezas a mover os pés ata que te xubilas. E iso é moi bonito porque aquí pode vir todo o mundo.

Ao longo destes 25 anos foron moitos os veciños e veciñas de Sarria que pasaron por Peleriños. Déuselles a circunstancia de ter dúas xeracións dunha mesma familia?

Si, por exemplo no meu caso. Miña filla agora é bailadora e profesora de baile. A veces é ao revés, primeiro foron os fillos e despois os pais. Hai casos de fillos que arrastraron aos pais e de pais que arrastramos aos fillos.

En que diría que evolucionaron nestes anos?

Moito no vestiario. Todos os rapaces e rapazas van moi acordes coa vestimenta tradicional e sempre moi ben. Tamén na profesionalización dos mestres e na disciplina. Se queres bailar tes que vir aos ensaios, porque hai que bailar ben. Cando se vai fóra non se pode bailar de calquera maneira porque vas representando unha tradición e a un pobo. A xente que vai é porque lle gusta, porque quere aprender e porque ama a música tradicional e o baile.

Como están a levar a pandemia?

O pasado agosto non se fixo a Xuntanza aínda que xa ían vir os grupos que tiñamos seleccionados. Agora tivemos uns tres meses de clases, pero despois de Nadal decidimos suspendelo por seguridade aínda que se cumprían as normas. Decidimos que era moito mellor sacrificar agora un mes o ou mes e pico e despois volver outra vez.

Gustaríalles poder celebrar dalgunha maneira este aniversario se a situación sanitaria o permite?

Temos pensado. Se se pode celebrar a xuntanza en agosto imos celebrar os 25 anos. Está na nosa mente poder facer unha celebración por todo o alto dentro das nosas posibilidades. Gustaríanos, pero agora estamos a expensas do que temos que estar.

Comentarios