Os "mestres" Luar na Lubre fan país

O grupo folk galego recibe en Láncara o premio Ramón Piñeiro da man de Xurxo Souto e nunha terra coa que manteñen lazos afectivos
photo_camera O grupo Luar na Lubre recibiu este sábado en Láncara o premio Ramón Piñeiro, Facer País, convocado pola asociación cultural Val de Láncara.

Os integrantes de Luar da Lubre, "mestres dos mestres da música galega", como os definiu o tamén músico e escritor Xurxo Souto, recibiron este sábado en Láncara o décimo noveno premio Ramón Piñeiro, Facer País, en recoñecemento a unha longa traxectoria de máis de 35 anos de traballo a prol da lingua e a cultura galegas.

Tras o parón do 2020 por mor da pandemia de covid, a asociación cultural Val de Láncara retomou a convocatoria deste galardón, que carece de dotación económica e cuxo gran valor radica precisamente en que parte dos colectivos da zona e está enraizado no pobo.

Luar na Lubre, con Xurxo Souto e unha directiva da asociación. Arriba, monólito co nome de todos os premiados. Á dereita, actos no Concello e na ponte de Carracedo.

[ Luar na Lubre, con Xurxo Souto e unha directiva da asociación. EP ]

"É unha honra recibir este premio, que xa coñeciamos dende hai anos. Creo que é un dos máis importantes a nivel galego, moi ben considerado no mundo da cultura, e para nós ten unha importancia especial que te recoñezan na terra", asegurou Bieito Romero, fundador desta banda folk, a máis internacional de Galicia, que xa leva editados 19 discos e colleitados multitude de galardóns.

A concesión este ano do Facer País estivo rodeada de felices casualidades. Como é tradición, correspóndelle ao último premiado (neste caso Xurxo Souto) facer entrega do recoñecemento aos seus sucesores. Cousas do destino, úneos unha fonda amizade.

"O día de hoxe para min é de felicidade, por volver ao val de Láncara para honrar aos mestres dos mestres. Para máis orgullo, Bieito foi amigo meu da infancia e tivo dende moi novo ese compromiso vital coa música galega. Converteuse nun mestre e leva a tradición polo mundo todo, compartindo a creatividade desta terra", destacou Xurxo Souto.

Para o líder da banda, recibir o premio de mans do seu amigo foi "a cuadratura perfecta". Pero é que, ademais, Bieito Romero coñecía dende había anos o día a día de Val de Láncara polo relato que Manolo da Benita (un dos fundadores da asociación cultural, falecido en 2018) lle contaba á súa dona, da que era compañeiro no instituto coruñés Urbano Lugrís.

"Os membros desta asociación renovada non sabían dese vínculo e cando me chamaron pola concesión do premio fíxome moita ilusión", comentou Romero.

Luar na Lubre, con Xurxo Souto e unha directiva da asociación. Arriba, monólito co nome de todos os premiados. Á dereita, actos no Concello e na ponte de Carracedo.Os actos de entrega, conducidos polo mestre de baile e música tradicional Ismael Carcedo, comezaron na Pobra de San Xiao, na casa do concello, onde foron recibidos polo alcalde, Darío Piñeiro. Alí Luar na Lubre firmou no libro de honra e o gaiteiro Marcos Vázquez Marey tocou dúas pezas.

A comitiva trasladouse despois á ponte de Carracedo, onde o profesor Xurxo Rodríguez subliñou que a música do grupo "lémbranos que somos galegos e temos futuro". A entrega do premio, consistente nunha talla en madeira, tivo lugar no antigo consistorio, seguida da interpretación do himno galego a pé do monólito cos nomes de todos os galardoados. A xornada rematou cun xantar e, como non podía ser doutro xeito, coa música de Luar da Lubre e dos grupos Val de Láncara e Antaruxas.

Comentarios