O mestre Diego As ensina na Pobra

O recoñecido artista urbano impartiu un obradoiro de graffiti a máis de vinte nenos e nenas na capitalidade de Láncara, onde iniciará en outubro un mural alusivo á historia ferroviaria da vila
Diego As, o alcalde de Láncara e a concelleira de Cultura, cos nenos e nenas participantes no obradoiro. VILA
photo_camera Diego As, o alcalde de Láncara e a concelleira de Cultura, cos nenos e nenas participantes no obradoiro. VILA

Máis de 20 nenos e nenas do concello de Láncara achegáronse á arte urbana da man dun dos grafiteiros máis recoñecidos, o lucense Diego As, quen exerceu de mestre durante os últimos cinco días na Pobra de San Xiao, onde tamén creará a partir do vindeiro mes unha obra relacionada co pasado ferroviario da localidade.

Había tres anos que o autor do mellor mural do mundo no 2021 (o Julio César da Ronda da Muralla de Lugo) non impartía un obradoiro infantil e, segundo confesa, apetecíalle retomar esta faceta.

Os afortunados foron rapaces e rapazas de Láncara de entre 6 e 16 anos de idade que, dende o luns e ata o venres, deron renda solta á súa creatividade pintando un muro nas inmediacións da casa do concello, nunha actividade promovida dende a área de Cultura.

Segundo explicou a concelleira encargada desta delegación, Alba Sangil, o obxectivo do taller era dobre. Por unha banda, facilitar a conciliación laboral e familiar unha vez rematados os campamentos de verán do Concello e, sobre todo, achegar a arte urbana aos máis novos da man "dun referente" como Diego Anido.

O traballo deste artista era coñecido e admirado por moitos dos pais e nais dos participantes no obradoiro, que animaron a seus fillos a anotarse. E o resultado foi moi satisfactorio para todas as partes. Non había máis que ver a ilusión coa que os menores levaban este venres para as súas casas as camisetas firmadas por Diego As. "Esta non se pode lavar!", advertíalle un neno a seu pai. "Diego, ¿tú crees que si la doblo se va a estropear?", preguntaba outro.

Coa colaboración de Manuel Seijas, Diego As impartiu na Pobra de San Xiao dez horas de clases teóricas e prácticas. Os asistentes fixeron bosquexos e recibiron nocións sobre os volumes, as gamas cromáticas ou os sombreados, ademais de coñecer o proceso de preparación dos muros e experimentar eles mesmos as técnicas de uso dos botes de pintura.

"Utilizamos moitas cores e démoslles liberdade creativa, marcando só un mínimo de pautas para que lles quedase unha pegada, un recordo no muro do seu pobo, que era o que buscabamos", explicou Diego As, quen definiu a experiencia como "gratificante".

Tras recibir multitude de encargos, entre eles do Museo do Prado, e despois de voltar dun proxecto en Guinea Ecuatorial, o grafiteiro estará de novo na Pobra o vindeiro mes para crear un mural de gran tamaño nunha fachada da entrada á localidade dende Lugo. Nestes intres está traballando no deseño, que estará relacionado co forte vínculo entre a vila e o tren.

Á espera da nova obra, o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, non desaproveitou a oportunidade de estrearse no graffiti e este venres, na clausura do obradoiro, animouse a deixar no muro a súa firma.

Comentarios