sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

Medio século nos fogares sarriaos

Sangil (segundo pola esquerda) e Valcárcel (segundo pola dereita) nunha entrega de diplomas na tenda.
Sangil (segundo pola esquerda) e Valcárcel (segundo pola dereita) nunha entrega de diplomas na tenda.
A tenda de electrodomésticos A Casa, fundada por Manuel Sangil e Manuel Valcárcel, cumpre 50 anos o día de Reis
A principios da década dos 70, cando os electrodomésticos comezaban a chegar aos fogares, abría as portas na Rúa Diego Pazos de Sarria a tenda A Casa, fundada por Manuel Sangil López, natural de Río (Láncara), e Manuel Valcárcel Camino, oriúndo de Lastres, no concello de Samos. O establecemento, que este mércores cumpre medio século de historia, emprendeu a súa andaina o día de Reis de 1971, coincidindo coa primeira feira do ano, xornada na que tradicionalmente se desprazaban ata a vila os veciños das parroquias.

Sangil, que por aquel entón se adicaba á venda de máquinas de coser por casas e cantinas, e Valcárcel, chegado da emigración en Francia, fundaban así o seu primeiro negocio, no que se manterían ata a xubilación. Decidiron poñerlle o nome de A Casa (froito da unión das iniciais dos seus apelidos, Camino e Sangil), por ser acaído ao tipo de actividade que ían realizar, e apostaron por empregar o galego na denominación por tratarse da lingua que falaba a súa clientela, formada por veciños da comarca e doutros concellos.

Manuel Sangil fillo, actual administrador da empresa, lembra que eran tempos nos que os electrodomésticos facían "furor", sobre todo "as televisións e as lavadoras, porque a xente aínda lavaba a man". "A tenda vendeu as primeiras televisións en cor que houbo en Sarria para dous bares: o España e o París", explica.

Na súa orixe, A Casa tiña a exclusividade das marcas Fagor e Philips, que enviaban a Sarria tráilers cheos de mercadoría procedente das fábricas de Mondragón e Barcelona. Dende o negocio non só se encargaba da venda dos electrodomésticos, senón tamén de facer a instalación completa nos fogares, un traballo que requiría de fontaneiro e electricista e que podía durar máis dun día.

O establecemento comezou a funcionar no mesmo baixo de Diego Pazos que ocupa na actualidade e, no ano 1986, ampliouse ao colindante. No 2012, fíxose cargo do comercio a segunda xeración, formada polos fillos dos dous fundadores e, dende 2017, Manuel Sangil ocúpase en exclusiva da administración tras iniciar seu socio outros proxectos profesionais.

Dende neno xogaba na tenda e acompañaba a seu pai no reparto dos electrodomésticos, polo que foi testemuña de todos os cambios experimentados, tanto nas marxes comerciais, agora menores, como nos produtos demandados pola clientela, como robots de limpeza, placas de indución ou cafeteiras de cápsulas, que anos atrás nin sequera estaban no mercado.

Adherido á cadea Cenor, Sangil afima que a súa intención é seguir adiante malia as dificultades dunha época marcada polo covid, que tamén impedirá unha celebración pública destes 50 anos de vida.

Medio século nos fogares sarriaos
Comentarios