María do Ceo: "Estou emocionada co concerto porque teño devoción á Virxe dos Remedios"

A cantante de fados actúa este xoves na popular romería sarriá, co patrocinio da Xunta
María do Ceo, na capela dos Remedios, xunto a Garcia, Armesto, Arias e Bello. EP
photo_camera María do Ceo, na capela dos Remedios, xunto a Garcia, Armesto, Arias e Bello. EP

A cantante de fados María do Ceo visitou este martes a capela dos Remedios, no Alto de Cesar (Sarria), para presentar o concerto que ofrecerá o xoves, ás 19.00 horas, na popular romería que se celebra xunto ao santuario. "Estou moi emocionada porque esta é unha das virxes á que eu lle teño moitísima devoción", dixo.

Segundo avanzou, ofrecerá unha actuación "lusogalaica", con temas de poetas galegos e cancións populares portuguesas. A fadista. Concerto de fados e outras músicas terá lugar na carballeira situada xunto á capela.

Esta iniciativa conta co patrocinio da Xunta de Galicia, cuxo delegado territorial, Javier Arias, acompañou a María do Ceo na presentación, xunto con Diego Armesto, en representación da comisión de festas, e os concelleiros José Antonio García e José Manuel Bello.

"Será unha ocasión inmellorable para desfrutar da beleza dos fados tradicionais da man desta artista recoñecida internacionalmente, que actúa como embaixadora da cultura galega por todo o mundo", afirmou Arias, para quen o Xacobeo supón unha grande oportunidade para levar actuacións a diferentes vilas galegas.

Dende a comisión de festas agradeceron a colaboración da Xunta e agardaron que o tempo acompañe para poder gozar do concerto desta artista.

A romaría comezará con varias misas, a maior ás 13.00 horas, con procesión e sesión vermú a cargo da orquestra La Favorita, que tamén tocará na verbena xunto con Cinema. As merendas de familiares e amigos volverán celebrarse na contorna da capela, onde haberá un dispositivo de seguridade con axentes da Policía e Garda Civil.

Os actos continuarán o día 9 con misa ás 13.00 horas, procesión, sesión vermú amenizada por Tokio e verbena coa mesma orquestra e Cordosom.

Comentarios