lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

María Casar: "O Día das Letras Galegas para Fiz é un obxectivo, pero non a meta"

María Casar, presidente de la agrupación cultural Ergueitas de Sarria
María Casar, presidenta da agrupación cultural Ergueitas de Sarria. EP
A sarriá preside a agrupación cultural Ergueitas, que busca manter viva a memoria do poeta de Lóuzara

O premio goza de boa saúde, está plenamente consolidado?

Creo que si, de feito a todas as partes que imos e falamos do premio, con creadores, poetas e organizadores doutros certames tamén o perciben así. Foi un camiño longo, non exento de dificultades e nos últimos anos, pandemias ou non polo medio, tivemos un pouco de baile de datas de convocatoria. Iso non é que favoreza. O ano pasado resolveuse ben, tivemos tamén o apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega na difusión, era un momento complicado, e este ano tamén contamos con eles. E contamos xa cunha rede de poetas amigos, persoas que foron xurados e gañadores, e á hora de facer a difusión é moito máis fácil. Creo que deberiamos fixar calendarios un pouco máis estables porque nos viría ben para os que organizamos certames de poesía en Galicia, diversificar un pouco datas para favorecer o traballo de presentación e de escolla.

Convocaron recentemente a vixésima primera edición.

Pechamos o prazo a finais de outubro e antes de final de ano saberemos quen é a gañadora ou gañador. Ao longo destes 21 anos temos un abano de gañadores moi interesante. Os premios teñen que dar voz a persoas que xa teñen a carreira literaria feita ou que están nun momento de madurez poética e tamén dar espazo a creadores moi novos. Ímolo conseguindo, non intencionadamente porque cada xurado é diferente cada ano. Temos de todo, hai moita xente moza, que iniciou proxectos poéticos a raíz ou despois do premio ou que viu impulsada a edición doutras obras. Iso tamén sería moi de valorar porque o mundo da edición é complexo e ás veces ter o aval do Fiz Vergara posibilita que os creadores que o gañaron poidan chegar máis facilmente a segundas obras publicadas, a abrirse camiños. É moi gratificante e tamén as relacións que se establecen arredor do Fiz, hai poetas que escriben cousas xuntos ou crean cousas con outros artistas que coñecen aquí.

O premio, ademais da aportación económica, supón a publicación do poemario. Isto é máis valorado?

Cando empezamos co premio buscamos asesoramentos importantes no mundo da cultura, como Manuel María, quen nos dixo que o importante dun premio, ademais da edición, é a distribución. Espiral Maior xa era naquel momento e segue sendo unha editorial de referencia. Si que o valoran os poetas, o premio económico e a edición do teu libro son importantes, pero se non está en todas as librarías do país e non se difunde... Se xa se lee menos poesía que novela, se non está fácil de chegar a ela, estás cortando as ás a un libro e nós procuramos que os gañadores do Fiz teñan a mellor editora e mellor distribuidora posible. As presentacións tamén son importantes para achegar a lectores e poetas. Cando a xente acode a unha presentación, divírtese, ve que o entende e lle di algo, entón estás gañando non só para ese libro, senón tamén para a cultura no noso idioma. É un labor educativo e tamén de toda a sociedade. Agora mesmo que estamos perdendo falantes, temos a mocidade máis formada, entón temos que facer un dobre esforzo para achegarse a eles porque teñen a capacidade que non tiñan outros lectores de xeracións anteriores, pero non escollen o noso idioma e hai que buscar as maneiras. Ás veces son multidisciplinares, traballando transversalmente con outras linguaxes, o audiovisual, a danza, composicións de videopoesía.... Nós intentamos facelo cando faciamos presentacións con danza, creadores plásticos ou musicais...

Ás veces ter o aval do Fiz posibilita que os creadores poidan chegar máis facilmente a segundas obras publicadas

Como xurdiu o Fiz Vergara?

Cando me propuxeron entrar a formar parte da directiva eramos socios e o principio penseino, tiña que ser un para que. Había moi pouco tempo que o Fiz morrera, entón foi unha noite, despertei e dixen: ‘xa está, se se pode facer un premio de poesía que leve o nome do Fiz para adiante’. E aí metémonos a tope. Hai que buscar un por que as cousas. Pareceume que o Fiz era o sentido e entón iso foi o inicio, dende o cariño, o afecto e a desaparición dun amigo. Que dera pé a reivindicar a súa memoria e poesía, pero ao mesmo tempo que enriquecera a nosa comarca, que o final todo o mundo valorara tamén o seu. Creo que ese é o traballo que temos que facer as asociacións culturais, reivindicar a cultura, o noso, e empezar polo máis próximo é o fundamental.

O galardón xa supera as dúas décadas de vida, pensan celebralo?

Si, tiñamos pensado celebrar os 20 anos que eran exactamente no 2020, pero, unha vez que pasou a data e a incerteza seguía estando un pouco aí, non programamos nada. Agora non sei se nos vai dar tempo a facer algo para o ano que vén ou deixalo para os 23, os 25... Si estamos pensando en facer algunha cousa que o celebrara e ao mesmo tempo a propia obra do Fiz e aos propios poetas que levan facendo familia. 

Na honra do poeta crearon hai uns anos un roteiro en Lóuzara, teñen algún proxecto para isto?

Está previsto facer algo máis . Hai conversas iniciadas con varios artistas, algúns cos que nós falamos e outros que nos fixeron xa algunha proposta. Estamos esperando a que se poida traballar con moita máis facilidade, haxa máis liberdade de reunión e de traballo en equipo, e poñelo en marcha. Hai tres ou catro propostas a desenvolver. Ao roteiro segue vindo moita xente, centros de ensino... Estamos moi satisfeitos de que a poesía non só ande polos libros, tamén polos camiños e consiga asaltar aos paseantes, sorprendelos e comunicarlles cousas.

Teñen algún novo proxecto arredor da figura do poeta?

Estabamos valorando posibilidades, pero economicamente os tempos son os que son e as asociacións tampouco temos máis que a forza do traballo e do noso propio impulso. Ás veces tamén se está vendo como amorecen asociacións porque se trata as asociacións culturais como se fosen empresas culturais, e é moi diferente. Institucionalmente habería que buscar canles para que as asociacións puideran levar adiante proxectos que teñamos en mente porque é moi complicado conseguir financiamento económico para calquera proxecto. Hai que apoiar as industrias culturais pero tamén hai que buscar unha maneira de que as asociacións poidan subsistir, hai un potencial de xente que está ilusionada e con ganas de facer cousas. Iso non pode desaproveitarse, non estamos para tirar o traballo que a xente poida facer.

Hai tres ou catro propostas a desenvolver no roteiro e estamos valorando novos proxectos sobre o Fiz

A concesión do Día das Letras Galegas a Fiz Vergara é un obxectivo?

É un obxectivo, pero non a meta. A meta é manter viva a memoria do Fiz e que sexa un sinal de identidade da comarca, de Sarria e de cultura, e que se siga lendo. É moi importante ter o Día das Letras Galegas, pero se é un Día das Letras Galegas que sexa unha celebración duns cantos actos, se se queda en algo institucional, cooficial, de edición duns estudos e non cala na cidadanía, está moi ben, pero está noutra esfera. O Fiz é un poeta moi querido por todos os compañeiros de xeración e posteriores, que acudiron a el a beber dun tipo de poesía moi social e ao mesmo tempo outra vertente moi intimista, iso está conseguido. O que é tamén importante é que chegue a xente que non é tan consumidora de poesía e creo que o Fiz está calando, vai permeando por diferentes capas, desde a intelectualidade ata a persoa do común. É difícil que ninguén deste pobo ou da comarca non saiba dalgún poema seu porque o lera nalgún programa das festas, fora a presentacións de libros ou fixera o roteiro. Iso é o importante, non só que esté nun ámbito académico, senón tamén no ámbito da cidadanía. O Día das Letras máis cedo que tarde vai chegar, pero será un banzo máis nesa escada de conseguir que se vaia permeando a través de toda a sociedade. Sabemos que ao Fiz o que lle gustaba era que o leran, que a súa poesía esté viva, que siga vixente, sendo visible ou que haxa artistas plásticos que fagan traballos baseados na túa obra.

Nos últimos anos sempre está aí entre os candidatos.

Este ano quedou con Ánxel Casal e os poemas en galego de Lorca. É unha compañía moi prestixiosa, case é un premio en si mesmo. Nas propostas está, polo que vai chegar o seu día.

María Casar: "O Día das Letras Galegas para Fiz é un obxectivo,...