Marelo, o rei das cortes

Ten carácter "nobre" e unha morfoloxía e peso "excepcionais". O boi Marelo é o rei da corte do sarriao Manuel Valiña, quen o criou con todo tipo de coidados. Con sete anos, acaba de ser vendido e suma papeletas para converterse no máis grande de España
Manuel Valiña (dereita) e Jesús Rodríguez, co boi Marelo na explotación de Lier. VILA
photo_camera Manuel Valiña (dereita) e Jesús Rodríguez, co boi Marelo na explotación de Lier. VILA

Dende que tiña seis meses xa apuntaba maneiras. Unha cor "preciosa" de raza rubia galega "do país" e unha estrutura que se preparaba para soportar un gran peso foron indicadores suficientes para que o gandeiro sarriao Manuel Valiña apostase forte por Marelo, fillo de vaca e touro criados tamén na explotación da Casa Regueiro da parroquia de Lier.

E non errou. Con sete anos este boi vai camiño de bater un récord polo seu tamaño e características. Máis de dúas toneladas de peso, tres metros de lonxitude e arredor de 1,80 de altura fan de Marelo un animal "espectacular". Tanto, que pode chegar a converterse no boi máis grande de España, para o cal ten que superar os 1.279 quilos canal. Pronto se saberá porque foi comprado por Carnes Rojas de Galicia que, á súa vez, exportará a metade para unha cadea de restaurantes de Hong Kong e venderá a outra ao asador Río Sil de Carballo, especializado nestas carnes.

A excepcionalidade de Marelo débese á súa xenética, pero tamén aos coidados do seu dono. "A min sempre me gustou a gandaría e, sobre todo, o gando rubio", explica Manuel Valiña, quen durante anos foi concelleiro en Sarria.

A súa paixón é a crianza deste tipo de animais e con Marelo non escatimou esforzos. "Téñoo mimadísimo", confesa. Durante case tres anos paceu fóra e, nos últimos catro, cóidao dentro da corte cunha alimentación "natural" na que vai alternando distintos tipos de cereais, herba ou patacas.

"Hai que ir cambiando porque se aburre da comida", conta Valiña. E é que este boi "é moi exquisito". Por exemplo, ten un "balde só para el, porque se lle dás de beber polo mesmo que outro animal xa non quere, porque lle dá olor". E o mesmo ocorre coa herba, que debe estar "fresca, escollida e ripada" para que sexa do seu agrado.

Valiña dálle auga sete veces ao día e, tamén a diario, límpao cun cepillo. "Outra das cousas esenciais é o estrado, porque o cemento foi feito para os porcos, pero non para o vacún", apunta. Por iso, a corte de Marelo conta cun bo "colchón", uns 70 metros cadrados de superficie e unha zona semiaberta para que "ventile ben, poda ver o panorama e estea contento".

"Vive igual que un rei, con todos os mimos. O único, que non vai de vacacións nin sae tomar viños", di entre risos Valiña, quen tamén destaca a "nobreza" do animal, de carácter "bo e tranquilo" como o seu dono, bromea.

A crianza dun exemplar destas características custoulle "como mínimo 6.000 ou 7.000 euros" sen contar o seu traballo, calcula. Pero non lle importou porque para el coidar de Marelo "é unha diversión". "Todo o tempo me parece pouco para atendelo. Para min é un ocio, como quen vai ao ximnasio ou botar a partida", afirma o gandeiro, quen se mostra moi satisfeito cun boi que está a recibir visitas de xente que quere facerse fotos con el. "Para min é un orgullo. É como se nunha familia saíra un futbolista de elite", compara.

Prezo

O mesmo pensa Jesús Rodríguez, tamén sarriao e concelleiro, da empresa Carnes Rojas de Galicia, especializada na compravenda de produtos premium de boi e vaca galegos. Coñeceu a Marelo hai ano e medio e fichouno por ser un exemplar "impresionante".

Comproullo a Valiña no mes de maio nun prezo que dependerá do peso que finalmente acade. Se bate o récord en canal chegará aos 30.000 euros. Jesús Rodríguez destaca "o tamaño, os quilos e a súa calidade". "É un boi auténtico galego, cunha alimentación natural. Hai poucos animais que cumpran estas expectativas, polo que é a xoia da coroa", declara.

Esas singularidades fixeron que se interesaran en Marelo uns empresarios de Hong Kong, propietarios duns dez restaurantes, un dos cales se desprazou ata Lier para ver o boi. Segundo dixeron, quedou impresionado e prognosticou que será o máis grande de España.

Carnes Rojas de Galicia, que xa vende para Europa, realizou todos os trámites para obter o rexistro que lle permita exportar a metade deste boi a Hong Kong onde o recibirán "como ouro". O animal será sacrificado dentro duns días en Bandeira, momento no que se saberá se bate o récord en canal.

Manuel Valiña non oculta que lle encantaría que así fose. "Polo volume e polo que sei que ten comido pode subir dos 1.280 quilos", afirma. O gandeiro admite tamén que sente "pena por desfacerse" dun boi que "xa forma parte da familia". "O día que o leven vouno sentir e igual mollo o ollo", asegura mentres planea a crianza de dous irmáns de Marelo.

Comentarios