Manuel Pombo: "Neste libro hai moito de xuízo sumarísimo a min mesmo"

O sarriao Manuel Pombo, catedrático de Pediatría e profesor ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela, publica novo libro, Desvendado, escrito en galego e editado por Galaxia, unha obra valente na que "indaga nos segredos que todos levamos dentro".

photo_camera Manuel Pombo Arias. EP

Bisneto do Médico de Casarello, cuxa figura influíu na súa vocación, Manuel Pombo é unha autoridade na endocrinoloxía pediátrica, ademais de mestre, investigador e escritor. Nesta última faceta vén de publicar o seu oitavo libro (primeiro en galego), no que trata de "reflectir unha época" e no que se amosa "sen reservas". 

A obra articúlase como unha sucesión de autorretratos. Que pretende amosar neles? 
O escritor Alfredo Conde dixo deste libro que é un exercicio, impagable e insólito, de exposicións de feridas ao tempo que de remedios para a dor que todo vivir conleva. No libro hai de todo, como na vida mesma: dor, humor, crítica, esperanza, ironía, crueza, tal como pode atoparse por exemplo no escritor Cioran, a quen admiro. 

Podería ser considerado este libro como unhas memorias? 
Si, pero unhas memorias moi especiais. O obxectivo que subxace é o de tratar de reflectir unha época. Son dos que digo que me atopei cun mundo que comezou na Idade Media e que, por sorte, cheguei ata o presente, e que coincidiu no tempo cun frecuente transvase da aldea ao núcleo urbano e cun cambio tan transcendente como foi pasar dunha ditadura a unha democracia. Estou seguro de que moitos da miña xeración veranse reflectidos. As circunstancias que nos tocou vivir marcáronnos para sempre e a algúns deixáronnos rotos indelebles na alma. 

Atopou nesa "autoinspección", como a define, algo que descoñecía ou do que non era consciente? 
Cando nos poñemos a analizar as circunstancias da vida sempre aparecen feitos que tiñamos acantoados, pero tamén nos esquecemos de aconteceres que ata foron transcendentes. O noso cerebro, ese gran descoñecido, é unha caixa de sorpresas, así que non lle estrañe a ninguén que se volvese escribir este libro aparecerían novas cousas e quitaría outras. 

Refírese a este traballo como un "triplo salto mortal sen rede". Diría que é un relato descarnado? 
Penso que si, hai moito de xuízo sumarísimo con respecto a min mesmo. Neste libro quiteime a venda e aparezo sen reservas, sen someterme a ninguén, con valor, probablemente demasiado pero dáme igual. A estas alturas da miña vida, iso xa non me preocupa. Quizais representa un acto de liberdade, a que durante a maior parte da miña vida non tiven realmente. Eran outros tempos. 

En Sarria vivín días inesquecibles e foi o lugar onde xamais me sentín discriminado por ser un neno de aldea

Por que o título de Desvendado
Débollo a un bo amigo, Lourenzo Fernández Prieto, recentemente elixido académico da RAG. 

Como influíu a pandemia no proceso de creación desta obra? 
De sempre vivín moi presionado pola miña actividade profesional, carente de tempo, polo que para escribir traballos que nada teñen que ver con esa actividade tiven que recorrer en gran medida ás vacacións e a utilizar formas que non necesitasen dunha entrega continuada no tempo. Neste libro a corentena axudoume a tomar a decisión de preparalo para a súa publicación, algo que doutra forma igual non tivera acontecido. 

Tras varios libros en castelán, por que se decantou polo galego? 
Sinxelamente porque mo pedía a gritos. Levo escrito moitas páxinas en español, así que este libro serviume para mellorar o meu galego oxidado e, de paso, para facerlle caso a Neira Vilas, quen un día me dixo: "Escriba en galego, doutor Pombo, verá que pode". Por certo, a problemática das linguas, agora tan vixente coa lei Celaá, é unha das situación coas que me enfronto neste libro. Sosteño que as linguas nunca saen adiante a través da imposición, hai que dalas a valer e a querer. 

Que papel ocupa Sarria dentro deste novo traballo literario? 
Sarria foi a miña adolescencia, o lugar dos meus amigos máis entrañables, a pandilla, onde vivín días inesquecibles, onde xamais me sentín discriminado por ser un neno da aldea. 

Sufriu discriminación por este motivo noutros ámbitos? 
Si, no internado, e dígoo no libro. Pero iso tamén che dá armas para a vida, conta na bagaxe. 

O lector poderá atopar referencias ás súas orixes e ao seu bisavó? 
Cantas veces lle escoitei a don Álvaro López Vizcaíno falar do Médico de Casarello! Practicamente os únicos libros que había na casa procedían del, antigos libros de medicina cos que me entretiven moitas horas e que contribuíron a espertar a miña vocación. 

Fíxose unha presentación do libro en Santiago. Ten previsto algunha outra? Quizais en Sarria? 
Por suposto que me gustaría presentar o libro en Sarria e non o descarto, só que me gustaría facelo noutras circunstancias, sen as limitacións da actual pandemia. 

En que proxectos anda agora? 
Polo que á literatura respecta teño en marcha un conto ilustrado para nenos, que publicará tamén Galaxia, e un libro de poesía.

Comentarios