Manuel López Poy elabora o guión para unha biografía de Valle-Inclán en viñetas

O escritor e xornalista sarriao despide con esta obra un frutífero ano 2021 no que foron publicados catro traballos da súa autoría
Manuel López Poy. ARQUIVO
photo_camera Manuel López Poy. ARQUIVO

O escritor e xornalista Manuel López Poy pechará o ano coa publicación dunha biografía en viñetas do dramaturgo Ramón María del Valle-Inclán, na que será a cuarta obra do autor sarriao en ver a luz neste frutífero 2021.

Cascaborra Ediciones, especializada en cómic histórico, lanzará o vindeiro xoves, 30 de decembro, unha nova entrega da súa colección Biografías en viñetas, dedicada nesta ocasión a Valle-Inclán, figura destacada do modernismo e membro da xeración do 98.

Manuel López Poy é o autor do guión, mentres que Kepa de Orbe encargouse dos debuxos. Malia ser o primeiro traballo que comparten, o resultado foi moi satisfactorio. "É unha das mellores colaboracións que fixen na miña vida. Paréceme un luxo poder traballar con este home, fixo un labor maxistral", asegura Poy.

A editorial Cascaborra contactou co sarriao para proponerlle participar nesta colección de biografías, dándolle a opción de elixir entre varios persoeiros. Ao ver o nome de Valle-Inclán na listaxe, xa non tivo dúbida. "Escollino porque me encanta dende que era un rapaz e porque Luces de Bohemia é para min unha das obras cume da literatura española", explica Poy, quen dedicou esta biografía "aos anos do esperpento".

"Hai moita documentación, pero había que cribar moi fino. Custou bastante deslindar o que é a lenda da historia real", explica Poy

"É un personaxe controvertido, complicado, moi xenial, moi contracorrente. Uns pensan que é moi conservador e outros que é unha especie de anarquista. Un tipo moi crítico, que sempre lle sacou as cores á sociedade española do seu tempo. A min esa personalidade contraditoria, peleona, sempre me atraeu moito e escollino por iso, porque me encanta a vida e a obra do personaxe", engade.

O traballo tivo a súa complicación porque, segundo conta Poy, "Valle-Inclán fíxose unha biografía á súa medida", o que obrigou ao guionista a realizar un completo labor de investigación para, posteriormente, intentar separar a realidade da ficción.

Ademais de tomar como base dúas biografías "moi investigadas", Manuel López Poy puido acceder a novas de xornais, escritos orixinais ou fotografías. "Había moitísima documentación, pero había que cribar moi fino. Custou bastante deslindar o que é a lenda da historia real", comenta.

OUTRAS OBRAS. Con esta publicación, o escritor despide un ano que comezou sacando do prelo a cuarta e penúltima entrega do cómic La espada de San Eufrasio, da editorial Diábolo, na que participa xunto co debuxante de Baralla Miguel Fernández e o tamén guionista Pepe Rey. Este capítulo, titulado Camino de sangre, está ambientado no verán do 1465 e céntrase no enfrontamento do conde de Lemos co bispo de Lugo.

O sarriao tamén publicou este ano Érase una vez el oeste. Historia, cine y guía del western americano, no que afonda nun mundo polo que sente inclinación.

Ademais, xunto a Manel Cráneo, escribiu un cómic con motivo do centenario do izado da bandeira galega no palacio municipal da Coruña. Partindo de documentos históricos como a acta municipal na que se aprobaba este evento, o 25 de xullo do 1921, ou de recortes de la prensa da época, os guionistas, co asesoramento histórico do historiador Xosé Alfeirán, fixeron este traballo, con debuxos de Alberto Taracido e Rubén Rial.

Comentarios